As plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento abren as XXXVII Xornadas Luis Asorey

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu este luns a inauguración das XXXVII Xornadas Luis Asorey, que nesta edición se desenvolven baixo o título 'A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas'. A primeira conferencia centrouse nas plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento e na evolución do seu uso tradicional cara ao aval científico das súas propiedades terapéuticas.
A sesión inaugural contou coa participación de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría de Montes, profesor emérito da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia, que impartiu a conferencia 'Fitoterapia: da tradición á evidencia científica. Plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento'. Decenas de persoas asistiron a esta primeira cita, na que se abordou o potencial das plantas medicinais e o recoñecemento das súas aplicacións por parte dos organismos científicos e sanitarios.
Na inauguración, o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou a importancia de apoiar iniciativas deste tipo e puxo en valor a riqueza natural da provincia de Lugo como fonte de coñecemento e benestar. Así mesmo, incidiu na necesidade de estudar os recursos naturais desde unha perspectiva científica para coñecer o seu verdadeiro potencial.
As xornadas están organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo. O programa, gratuíto e aberto ao público, prolongarase ata o 19 de novembro e contará coa participación de sete especialistas. As sesións celébranse de 19:00 a 21:00 horas, tanto de maneira presencial como en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación. A inscrición pode realizarse mediante o formulario habilitado pola organización.
O programa continúa este martes
A programación retómase este 10 de novembro coa conferencia 'A cura balnearia: indicacións actuais e fundamento científico', impartida por Juan Jesús Gestal Otero, doutor en Medicina e Cirurxía, profesor emérito da USC e director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.
O mércores 11 será a quenda de Luis Miguel Botana López, doutor en Farmacia e catedrático de Farmacoloxía da USC, que abordará 'O potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas visto desde a Universidade'.
As sesións continuarán o 16 de novembro con Julián Alonso Díaz, doutor en Veterinaria e presidente da Sociedade Micolóxica LUCUS, que falará sobre micoterapia; o día 17, Rosa Romero Franco, doutora en Bioloxía e profesora titular da USC, analizará o cultivo e a comercialización de plantas medicinais, así como as súas presentacións e preparados.
O 18 de novembro, Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da USC, impartirá unha conferencia sobre a exposición ao gas radón e os seus efectos na saúde. O ciclo pecharase o día 19 con Mercedes Rois Díaz, doutora en Enxeñaría de Montes e fundadora e CEO de Raíces-Reconecta contigo, que abordará a relación entre o bosque e a saúde a través dos baños de bosque.