As residencias artística 'Atopémonos bailando' teñen aberto o prazo de candidaturas

LugoXa
Anunciada a apertura do período de candidatura para as Residencias de creación e investigación 'Atopémonos bailando'.
31 ene 2023

O Colectivo Glovo e a área de Cultura do Concello de Lugo veñen de anunciar a apertura de candidaturas para as residencias de creación e investigación Atopémonos bailando. 

Esta convocatoria está destinada a profesionais da danza e as artes en movemento e as residencias realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2023. 

Serán un total de seis as residencias artísticas deste programa, catro de duración estándar en Lugo e dúas en réxime de intercambio con Portugal e Costa Rica que terán outra duración. 

O prazo de solicitude está aberto ata o 15 de febreiro e realizarase a través dun correo electrónico atopemonosbailando@gmail.com coa documentación requerida nas bases que se poden consultar aquí. 

Os obxectivos deste programa de residencias son impulsar e apoiar a creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, nacional e internacional e difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á cidadanía a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional, gratuíta e a través de programas de apertura de procesos de creación.

Estas residencias tamén busan crear un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de talleres destinados a diversos tipos de público e xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías e proxectos.