As rutas 'Sendas para a desconexión' de Lugo retoman a súa actividade este sábado co percorrido 'O Pequeno Froilán'

O programa 'Lugo: Sendas para a desconexión' iniciará este sábado, 3 de outubro, a súa segunda fase coa ruta 'O Pequeno Froilán', un percorrido vinculado ás festas patronais que permitirá descubrir a historia de San Froilán e a súa relación coa cidade. A actividade, de carácter gratuíto e aberta a toda a cidadanía, sairá ás 11.00 horas da Praza do Carme e terá unha duración aproximada de dúas horas.
A nova etapa chega tras completar o primeiro ciclo da iniciativa, que desenvolveu sete rutas cunha media de 70 participantes en cada unha. Ao longo destes itinerarios, os asistentes percorreron máis de 40 quilómetros por diferentes espazos urbanos, periurbanos e rurais de Lugo, combinando natureza, patrimonio e paisaxe.
As andainas, que non requiren inscrición previa, contaron co acompañamento de Guido Guía, encargado de achegar información sobre a historia dos camiños, o patrimonio e a biodiversidade dos lugares visitados. A proposta busca ofrecer unha maneira diferente de coñecer o municipio, tanto para os propios lucenses como para as persoas que se achegan á cidade.
A ruta 'O Pequeno Froilán' permitirá afondar na figura do santo desde unha perspectiva vinculada aos camiños e ao patrimonio local. A súa programación un día antes do inicio do San Froilán ofrece unha alternativa para comezar as festas patronais cunha actividade ao aire libre e descubrir novos aspectos da historia de Lugo.
A organización en dous ciclos permitirá, ademais, percorrer os itinerarios en diferentes momentos do ano e observar os cambios na paisaxe, así como distintas etapas da fauna autóctona e a diversidade do patrimonio natural do municipio.
Desde a Concellería de Turismo e Museos animan a veciñanza e ás persoas visitantes a sumarse a esta nova etapa das 'Sendas para a desconexión' e a descubrir os espazos naturais, as paisaxes e as historias que agocha Lugo.