As V Xornadas de Poesía por un tubo acollerán dous obradoiros de poesía e fotografía

O espazo Arte e Parte, situado na avenida da Coruña de Lugo, acollerá este sábado 31 de outubro, a partir das 17:00 horas, as V Xornadas de Poesía por un tubo, unha proposta que reunirá dúas poetas arredor da creación literaria, a fotografía e a realidade palestina.
A programación contará coa participación de Andrea Fernández Maneiro, que impartirá o obradoiro 'Escribir con luz', centrado na relación entre a poesía e a fotografía. A segunda proposta correrá a cargo de Patricia Torrado Queiruga, co obradoiro 'Do concreto ao irreverente', no que abordará a poesía como forma de expresión fronte á realidade actual, tomando como referencia a Nakba e a situación do pobo palestino.
A organización presenta esta edición como un espazo para reivindicar a creación poética e a palabra como vías de reflexión e resistencia fronte aos tempos actuais. A proposta pretende tamén dar presenza ás voces palestinas a través da literatura.
O encontro desenvolverase en Arte e Parte, o proxecto de Luz Darriba, situado na avenida da Coruña, número 67, entrechán. As prazas son limitadas, polo que será necesario reservar previamente para participar nos obradoiros.