As VI Xornadas de Prevención da Violencia de Xénero de Lugo poñen o foco no acoso e a violencia dixital

O salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo acolleu a inauguración das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, organizadas por Alar Galicia e centradas nesta edición na violencia dixital. O encontro reúne profesionais dos ámbitos social, psicolóxico e institucional para analizar as distintas formas de violencia contra as mulleres a través das novas tecnoloxías e os recursos dispoñibles para a súa prevención e atención.
O programa inclúe mesas de debate sobre o ciberacoso, as ameazas, a violencia exercida a través das redes sociais, a difusión de imaxes íntimas sen consentimento e os mecanismos de control dixital. Nas sesións participan representantes da Xunta de Galicia, a Garda Civil, Alar Galicia, Aliad-Ultreia e Cáritas, entre outras entidades.
Na apertura participou o concelleiro de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo, Gustavo Díaz Rey, que advertiu do impacto que este tipo de violencia ten na vida das vítimas. "O dano que se fai a través dunha pantalla non queda dentro da pantalla. Acompaña á persoa que o sofre cando vai traballar, cando chega á casa e mesmo cando intenta durmir", sinalou.
O edil incidiu tamén na importancia de non culpabilizar as vítimas e na responsabilidade colectiva de evitar a difusión de contidos humillantes ou íntimos. "Non sempre podemos evitar que alguén faga algo mal, pero si podemos decidir non axudarlle a facer máis dano", afirmou.
Díaz Rey agradeceu a Alar Galicia e ao seu director, Fernando González Truque, a organización destas xornadas e reivindicou a necesidade de garantir a liberdade e a seguridade tamén no ámbito dixital. "Non queremos que ninguén teña que apagar o seu teléfono para sentirse a salvo. Nin que unha muller teña que renunciar á súa liberdade para deixar de sufrir acoso", concluíu.