As XL Xornadas Penitenciarias Lucenses analizan os retos da atención ás persoas con diversidade funcional

LugoXa
A cita, organizada pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, coincide co quinto aniversario da Lei 8/2021 e reúne especialistas dos ámbitos xudicial, notarial, educativo e social
XL Xornadas Penitenciarias Lucenses Lugo 26
10 Nov 2026

As XL Xornadas Penitenciarias Lucenses poñen a atención ás persoas con diversidade funcional como eixo central. O encontro, promovido pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, reuniu especialistas de diferentes ámbitos para analizar a aplicación da Lei 8/2021, os avances acadados desde a súa aprobación e os retos que aínda quedan pendentes para garantir o exercicio dos dereitos e a autonomía destas persoas.

A inauguración correu a cargo da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que puxo o foco na importancia de garantir que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos con autonomía e participar nas decisións que afectan ás súas vidas. A rexedora incidiu tamén na necesidade de que os avances lexislativos teñan unha aplicación efectiva, coa implicación das administracións, dos profesionais e do conxunto da sociedade.

Esta 40ª edición coincide co quinto aniversario da Lei 8/2021, que introduciu un novo modelo de apoio para o exercicio da capacidade xurídica, baseado no respecto á vontade, ás preferencias e ás decisións de cada persoa. Neste contexto, as xornadas abordan tanto a dimensión xurídica desta normativa como os seus aspectos sociais e a experiencia das persoas destinatarias dos apoios.

O programa estrutúrase en dúas partes: unha primeira centrada nas cuestións xurídicas e unha segunda dedicada á dimensión social, co obxectivo de analizar as dificultades detectadas na aplicación da lei e os desafíos para avanzar cara a un modelo de atención que respecte a autonomía e as decisións individuais.

Durante o acto, Candia felicitou á Asociación Penitenciaria Concepción Arenal polos corenta anos de organización destas xornadas e agradeceu o labor das persoas e entidades que contribúen a manter este espazo de reflexión e intercambio de experiencias. A asociación traballa a prol da reinserción social das persoas que cumpriron penas de prisión.

0.15208196640015