As xogadoras do Ensino comparten unha xornada de convivencia coas persoas usuarias de Auxilia Lugo

LugoXa
O encontro, celebrado na Casa Clara Campoamor, puxo o foco no deporte como ferramenta de inclusión e relación social
Xogadoras-Ensino-con-Auxilia-Lugo
28 Oct 2026

As xogadoras do Club Baloncesto Ensino participaron nunha xornada de convivencia coas persoas usuarias de Auxilia Lugo nas instalacións da Casa Clara Campoamor, nun encontro centrado na inclusión, o compañeirismo e o intercambio de experiencias a través do deporte.

A actividade reuniu as deportistas e as persoas usuarias da entidade nun ambiente próximo e distendido, no que tiveron a oportunidade de compartir tempo e favorecer as relacións sociais. A iniciativa buscou destacar o papel do deporte máis alá da competición, como un espazo de participación aberto a toda a cidadanía.

O concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, asistiu á xornada en representación do Concello de Lugo e destacou a importancia de impulsar propostas que acheguen a práctica deportiva a diferentes colectivos e contribúan a avanzar cara a unha cidade máis inclusiva.

"O deporte é moito máis que competir e gañar partidos. Tamén é compartir, integrar e facer felices ás persoas. As xogadoras do Ensino demostraron que os grandes equipos non só se constrúen dentro da cancha, senón tamén fóra dela", sinalou Carballo.

O Concello agradeceu a participación das xogadoras e do CB Ensino, así como o traballo que desenvolve Auxilia Lugo no acompañamento ás persoas usuarias. Tamén felicitou a entidade pola organización dunha actividade que reforza os vínculos entre o deporte e o tecido social da cidade.

0.15567207336426