As xornadas #BenVidaUSC levarán cultura, deporte e ocio aos campus de Lugo e Santiago

As xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC desenvolveranse do 14 ao 27 de setembro nos campus de Lugo e Santiago cunha programación que combinará actividades culturais, deportivas e de lecer. A maior parte das propostas serán de acceso libre e todas serán gratuítas para a comunidade universitaria, co obxectivo de que o estudantado coñeza de primeira man os servizos e posibilidades que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
No caso do Campus de Lugo, a programación incluirá os concertos de Alddara e LG1DO o 16 de setembro, na explanada da cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. En Santiago, LG1DO e Xalundes actuarán o 24 de setembro na Praza de Mazarelos.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, explicou durante a presentación das xornadas no Pazo de Montenegro de Lugo que a iniciativa pretende que o primeiro contacto do alumnado co novo curso vaia máis alá das aulas. "Queremos que o primeiro contacto co curso non sexa simplemente entrar nunha aula, senón entrar na Universidade", sinalou.
Neste sentido, Crujeiras incidiu en que formar parte da universidade implica coñecer novos espazos, persoas e posibilidades, ademais das titulacións. Cultura, deporte, patrimonio, linguas, creación, participación e os diferentes servizos de apoio ao estudantado forman parte tamén da experiencia universitaria.
Un programa con actividades culturais e deportivas
A programación das #BenVidaUSC incluirá visitas guiadas e diferentes propostas vinculadas á creación escénica e á danza. Tamén haberá obradoiros de pandeireta e baile tradicional, así como unha foliada.
No ámbito deportivo, organizaranse campionatos e aulas de diferentes disciplinas. As xornadas tamén reservarán un espazo para iniciativas relacionadas co benestar emocional, as relacións e os vínculos entre o estudantado.
Entre as propostas figuran igualmente actividades e recursos relacionados co acompañamento, a atención psicolóxica e a igualdade, ademais doutros servizos da USC que a universidade pretende dar a coñecer especialmente entre o alumnado que inicia a súa etapa universitaria.
O programa xa dispón dun formulario na web das Xornadas para reservar praza naquelas actividades que conten con límite de participantes.
Na presentación, a reitora estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude do Concello de Lugo, Damián Carballo Méndez. O Concello de Lugo apoia estas xornadas xunto ao Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Campus Terra e a Xunta de Galicia.
Crujeiras animou finalmente o estudantado a aproveitar estas primeiras semanas para descubrir os diferentes espazos e actividades da USC, probar novas disciplinas, asistir aos concertos ou participar nas propostas culturais. "Unha parte importante da experiencia universitaria tamén se constrúe fóra da aula", afirmou, subliñando tamén a importancia de aprender a participar, convivir e coidarse durante esta etapa.