As xornadas científicas sobre o patrimonio arqueolóxico lucense poñen o foco no claustro do Museo Provincial

As IX Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que nesta edición levan por título “A memoria da pedra. O claustro do Museo Provincial de Lugo e as coleccións que alberga”, desenvólvese no Pazo de San Marcos.
O claustro do Museo Provincial constitúe, xunto coa cociña e o refectorio, unha das tres estancias que se conservan do antigo convento de San Francisco integradas no edificio actual. Trátase ademais dun espazo de especial valor patrimonial, xa que é un dos dous únicos claustros franciscanos medievais que se manteñen en Galicia e conta coa catalogación de Ben de Interese Cultural.
No seu interior atópanse un total de 205 pezas, entre as que destacan capiteis, elementos heráldicos e esculturas de carácter devocional, cunha cronoloxía que abrangue desde o século I ata o XIX, o que ofrece unha ampla visión da evolución histórica e artística do territorio.
As xornadas contan coa participación dunha ducia de historiadoras e investigadoras, que abordan distintas perspectivas arredor deste espazo e das coleccións que acolle. O programa está concibido como un foro de reflexión, análise e intercambio de coñecemento sobre a historia do claustro e o seu valor dentro do patrimonio arqueolóxico lucense.