As xornadas "Mocidade, Drogas e Condución" trasládanse ao venres e sábado pola previsión meteorolóxica

As xornadas de sensibilización "Mocidade, Drogas e Condución" modifican as súas datas debido ás condicións meteorolóxicas previstas. A actividade celebrarase finalmente os días venres 17 e sábado 18, en horario de 16:30 a 21:30 horas, na Praza Maior de Lugo.
A iniciativa, dirixida á mocidade, permitirá aos participantes coñecer de primeira man os efectos que o consumo de alcol e doutras substancias pode ter sobre a condución a través de simuladores específicos, sen asumir ningún risco real.
O obxectivo desta proposta é fomentar a concienciación sobre a importancia de manter unha condución responsable e de evitar poñerse ao volante baixo os efectos de substancias que alteren as capacidades.
A participación é gratuíta e está aberta a toda a mocidade interesada en achegarse á Praza Maior para tomar parte nesta actividade divulgativa e preventiva.