As Xornadas Penitenciarias Lucenses pecharon coa reflexión sobre os dereitos das persoas con discapacidade

A Deputación de Lugo participou na clausura da 40ª edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un foro de referencia para a reflexión social e penitenciaria que reuniu durante dous días na sede da UNED de Lugo profesionais dos ámbitos xudicial, académico e social. Nesta edición, o encontro centrouse no impacto da reforma lexislativa na autonomía das persoas con discapacidade, coincidindo co quinto aniversario da Lei 8/2021.
As xornadas, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, están consolidadas como un espazo de análise e debate sobre cuestións sociais vinculadas ao sistema penal, á protección dos dereitos e á construción dunha cidadanía máis igualitaria e solidaria.
Durante a segunda sesión abordouse a aplicación práctica da Lei 8/2021 desde a perspectiva dos profesionais sociais, cunha mesa redonda e un posterior debate. O acto de clausura contou coa participación do deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; da presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Paloma Fernández; e da directora da UNED en Lugo, Ana Belén Traseira.
Na súa intervención, Miguel Fernández destacou a traxectoria do encontro e sinalou que «40 edicións non son só unha cifra redonda; son a constatación de catro décadas de compromiso ininterrompido coa análise rigorosa, o pensamento crítico e a defensa dos dereitos sociais».
O deputado tamén apelou ao legado de Concepción Arenal para lembrar que «as leis só cobran vida real cando se traducen en dignidade cotiá para as persoas». Ademais, incidiu na importancia do traballo conxunto entre os ámbitos do dereito, o traballo social, a facilitación procesual e as entidades do terceiro sector para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, accesible e inclusiva.
Fernández reafirmou o apoio da Deputación ao coñecemento compartido e á cooperación institucional como ferramentas de avance social. «As sociedades non avanzan por inercia: avanzan cando son quen de mirarse ao espello, avaliar as súas leis con rigor e traballar unidas para non deixar a ninguén atrás», concluíu.
A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo, fundada en 1989, centra o seu labor na reinserción social das persoas que cumpriron penas de prisión. Entre os servizos que presta figuran a asistencia a persoas liberadas, con información, orientación e asesoramento xurídico, así como a colaboración cos organismos competentes na atención a persoas en liberdade condicional ou definitiva.
A entidade tamén desenvolve actuacións para favorecer a integración social das persoas excarceradas e da súa contorna, organiza actividades formativas e de sensibilización e promove iniciativas centradas no estudo da problemática penitenciaria e na análise da delincuencia.