As xovencas preñadas de Acruga baten o seu récord de cotización cunha media de 4.333 euros na poxa de Baleira

LugoXa
Os tres exemplares foron adxudicados a gandeiros de Baleira e Sarria, superando en máis de 1.200 euros o prezo medio acadado na edición do ano pasado
subasta-acruga-baleira
13 Jul 2026

A poxa de xovencas preñadas de Raza Rubia Galega celebrada este domingo en Baleira pechou cun novo máximo histórico nas cotizacións dos animais procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Cada exemplar acadou un prezo medio de 4.333 euros, unha cifra que mellora amplamente o prezo de saída, establecido en 2.900 euros, e que supera en máis de 1.200 euros a media rexistrada na poxa de 2025, cando se situou en 3.133 euros.

Os tres animais postos á venda foron finalmente adxudicados a gandeiros de Baleira e do concello de Sarria.

O presidente de Acruga, César Dorado, atribuíu estes resultados ao proceso de selección que se realiza no centro de recría. Segundo explicou, “son froito da selección de animais que se fai entre as xovencas do centro de recría. Os gandeiros e gandeiras teñen claro que os exemplares que levamos ás poxas cumpren co estándar racial, foron seleccionados polas súas características morfolóxicas e reprodutoras e, polo tanto, van sobre seguro”.

Malia as elevadas temperaturas rexistradas durante a xornada, a poxa contou cunha destacada participación do sector. En total retiráronse 22 tarxetas para tomar parte na licitación, coa presenza de criadores chegados de distintos concellos da provincia de Lugo.

O acto tamén reuniu diversas autoridades que quixeron acompañar ao presidente de Acruga, César Dorado, e ao alcalde de Baleira, Enrique Martínez Puga. Entre os asistentes atopábase o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

0.10458993911743