As XXII Xornadas Técnicas de Seragro reunirán en Lugo a máis de 700 profesionais do vacún de leite

LugoXa
O encontro celebrarase os días 13 e 14 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria e incluirá ponencias de expertos galegos, estatais e internacionais
xornadas-tecnicas-Seragro-Lugo
30 Sep 2025

Seragro presentou o programa completo das súas XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se desenvolverán os días 13 e 14 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Máis de 700 profesionais, entre gandeiros, técnicos e especialistas, daranse cita nun encontro que se consolida como referente para o sector agrogandeiro.

Tras o acto inaugural, o programa técnico comezará o xoves 13 coa intervención de José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, quen analizará a situación actual do sector lácteo galego e as súas recentes transformacións. A continuación, Felipe Fraga Martínez, do Servizo de Recría de Seragro, abordará os principios básicos de ventilación e orientación das naves de recría, seguido por Laura Molina Moreno, profesora asociada na Facultade de Veterinaria de Córdoba, que falará sobre enfermidades en idades temperás e o seu impacto a longo prazo.

A sesión da mañá completarase coas experiencias de Sandra Mella Ríos, da Finca Fonteboa (A Coruña), sobre recría en explotación, e de Ares Rubies Corrales, auxiliar veterinaria en Granja San José (Huesca), quen centrará a súa ponencia na recría como base do futuro vacún. Xa pola tarde, o estadounidense Jordan T. Matthews, socio de Rosy Lane Hosteins LLC (Wisconsin), exporá a importancia das persoas e do manexo do gando para garantir retornos produtivos. A el seguirano Sonia Rodríguez Pazos, do Servizo de Reprodución de Seragro, sobre o momento óptimo para a inseminación; Liliana Fadul, de Lactanet, cunha análise do efecto do tipo de muxido sobre a produción e composición do leite; e Miguel Iglesias Naredo, de Deheus, con claves para optimizar a alimentación en sistemas robotizados. O día pecharase co tradicional Encontro Gandeiro, pensado para o diálogo entre asistentes.

O venres 14 abrirase coa intervención conxunta de María Jesús Asorey Cea e Noa García Rey, de AUSUM, que explicarán o marco laboral no sector agrario. Víctor Novo Vázquez, da Consellería do Medio Rural, presentará o Caderno de Campo e as obrigas ambientais, e Javier Fernández López, do Servizo de Podoloxía de Seragro, falará das vantaxes da revisión individual fronte ao traballo por lotes. Despois da pausa, Arturo Gómez, veterinario e investigador en Zinpro, analizará o cambio de paradigma na prevención da saúde podal.

Xa pola tarde, Javier Bueno Lema, profesor do Campus Terra en Lugo, centrará a súa charla na tecnoloxía e a intelixencia natural aplicadas ao sector. Posteriormente, Carlos Liste Pose, socio de Gandería Liste SL (Trazo), compartirá a súa experiencia na xestión de forraxes con maquinaria propia, mentres que Juan Carlos Lodos Pérez, de SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza), abordará a produción sen maquinaria. A última intervención correrá a cargo de Pol Llonch Obiols, veterinario independente da Plataforma de Benestar Animal da Comisión Europea, que explicará o papel da intelixencia artificial e do big data na transformación do sector lácteo. As xornadas pecharanse coa clausura oficial e o tradicional brinde do leite.

⚙ Configurar cookies
0.086614847183228