As XXXVI Xornadas Luis Asorey afondarán no futuro do sector forestal galego en Lugo

LugoXa
A Deputación impulsa con 5.000 euros un ciclo de conferencias no Pazo de San Marcos centrado nos desafíos, fortalezas e potencial das frondosas, que se poderá seguir tamén en liña
Xornadas-Luis-Asorey-Lugo-2024
5 Nov 2025

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos converterase, entre o 17 e o 27 de novembro, no epicentro do debate científico sobre o sector forestal galego coa celebración das XXXVI Xornadas Luis Asorey.

Este encontro, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, abordará aspectos clave como os retos actuais, as oportunidades, as debilidades do sector e o papel estratéxico das frondosas no territorio.

A Deputación de Lugo suma o seu respaldo a esta iniciativa cunha achega económica de 5.000 euros e coa difusión do programa, que poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais provincial. As sesións desenvolveranse de 19.00 a 21.00 horas e as persoas interesadas poden inscribirse previamente mediante o formulario habilitado pola organización.

O programa inclúe sete relatorios de expertos referentes no eido forestal. A inauguración, o 17 de novembro, correrá a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez, que analizará os principais desafíos do sector, como o impacto do cambio climático, os incendios forestais ou a moratoria do eucalipto. A continuación, o 18 de novembro, Mª Josefa Lombardero Díaz abordará a sanidade forestal e as problemáticas vinculadas a pragas e enfermidades nas especies frondosas.

Roque Julio Rodríguez Soalleiro falará o día 19 sobre as opcións silvícolas para o carballo en Galicia, mentres que o 20 será a quenda de Abelardo Nimo Silva, que explicará un proxecto de valorización da madeira de frondosas galegas.

A sesión do 24 estará centrada no mercado das frondosas para construción en Galicia e Europa, da man de Vanesa Baño Gómez, e o 26 Xosé Covelo Míguez exporá as oportunidades do asociacionismo para unha xestión forestal sostible e os mecanismos de compensación polos servizos ecosistémicos. O ciclo pecharase o 27 de novembro coa intervención de José Luis Chan Rodríguez, centrada nas estratexias para impulsar a xestión activa das masas de frondosas.

As conferencias pretenden achegar unha visión multidisciplinar e científica sobre o presente e o futuro dun sector clave para a economía e o equilibrio ambiental de Galicia, cunha atención especial á sustentabilidade e á innovación no manexo dos montes.

⚙ Configurar cookies
0.072072982788086