ASFEGA pon en valor a atención de entre 20 e 30 familias en Lugo con necesidades alimentarias especiais

LugoXa
A asociación, con sede na cidade e arredor de 220 persoas socias en Galicia, solicita apoio para financiar a súa actividade e dispoñer dun espazo de almacenamento para os alimentos baixos ou sen proteínas
reunion-Concello-de-Lugo-e-ASFEGA
22 Oct 2026

A Asociación Fenilcetonúrica e Outros Trastornos Metabólicos de Galicia (ASFEGA) trasladou ao Concello de Lugo varias necesidades relacionadas coa atención ás persoas con trastornos metabólicos, durante unha reunión coa alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Política Social, Gustavo Díaz.

A entidade ten a súa sede en Lugo, desde onde coordina a distribución de alimentos baixos en proteínas ou exentos delas para persoas socias de toda Galicia. O seu funcionamento é similar ao dun economato, xa que facilita o acceso a produtos específicos que teñen un custo elevado no mercado e resultan necesarios para determinados pacientes. Na cidade atende entre 20 e 30 familias, dentro dunha base social que ronda as 220 persoas en toda a comunidade.

Ademais de ofrecer estes alimentos a prezos máis accesibles, ASFEGA organiza obradoiros de cociña dirixidos ás familias. Estas actividades cobran especial importancia para as que acaban de recibir un diagnóstico, xa que lles permiten aprender a adaptar a alimentación dos seus fillos e fillas ás necesidades derivadas do trastorno metabólico.

Durante o encontro, a asociación expuxo peticións relacionadas co financiamento da súa actividade, a dispoñibilidade de espazos públicos para celebrar eventos e a difusión das súas iniciativas, entre elas a participación en DIVERSIARTE. ASFEGA recibe unha subvención municipal de libre concorrencia que este ano foi de 1.700 euros e poderá beneficiarse do aumento das axudas previsto para o próximo exercicio.

Outra das cuestións centrais foi a necesidade de contar cun lugar onde almacenar os produtos antes de distribuílos entre as persoas socias. O Concello comprometeuse a colaborar coa entidade na procura dun espazo que facilite o desenvolvemento deste servizo.

A reunión enmárcase na rolda de contactos que o goberno local mantén coas asociacións sociais de Lugo para coñecer o seu traballo, escoitar as súas demandas e explorar posibles vías de colaboración.

0.14943313598633