Asinado o convenio de colaboración entre Deputación e Concello para a plataforma de baño público

LugoXa
La Diputación de Lugo y el Ayuntamiento firmaron el jueves 4 de marzo el convenio de colaboración para la plataforma de baño público.
Sinatura plataforma de baño Lugo
Sinatura plataforma de baño Lugo
4 mar 2022

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un novo convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ó Concello máis de 300.000, para a instalación dunha plataforma de baño pública na zona do Miño. A Deputación aporta deste xeito o 80% do total do investimento necesario para materializar esta actuación.

José Tomé Roca cumpre así coa palabra dada á Alcaldesa, ao Concello e aos veciños “de manter a colaboración económica para esta dotación pública de lecer tan esperada e que aproveita un espazo natural excepcional como é a contorna do río Miño”, explicou o mandatario provincial. “Hoxe é un bo día para Lugo, para o Concello, para a Deputación e para os lucenses”, apuntou.

O presidente recalcou que a colaboración económica co Concello para a instalación dunha plataforma de baño pública no Miño é unha máis das liñas de apoio que a Deputación ofrece á entidade local, e que no pasado ano 2021 ascendeu a un total de 2M€. “Quero reiterar o compromiso da institución coa Alcaldesa e cos veciños e veciñas de Lugo, en colaboración con actuacións públicas do Concello como é o investimento no desdobramento da Avenida Duquesa de Lugo, ao que destinamos 1,4M€, a través de Plan Único, dotado con medio millón de euros para o concello lucense, ou a mellora de estradas”, sinalou Tomé Roca.

Así mesmo, o presidente insistiu no compromiso de continuar axudando ao concello de Lugo e aos lucenses para aumentar a súa calidade de vida e incrementar os servizos públicos. Tamén se levan a cabo outras colaboracións como o Proxecto Life Lugo+Biodinámico, no que se inviste medio millón de euros para o desenvolvemento dunha estratexia de planificación urbana efectiva contra o cambio climático, ou a mellora da rede viaria co arranxo da vía provincial LU-P-2901, de Lugo a Palas de Rei.

“Seguimos avanzando na transformación da cidade”
Pola súa banda, a alcaldesa, Lara Méndez, enmarcou a sinatura deste convenio no “cumprimento dunha demanda histórica da cidadanía lucense que se materializará coa creación dunha infraestrutura que terá un gran impacto sobre a proxección turística e na dinamización do municipio e, directamente, na calidade da vida da nosa veciñanza ao posibilitar o aproveitamento do río e contribuír a seguir avanzando na segunda gran transformación da cidade na que os espazos públicos de lecer e socialización ao aire libre adquiren, cada vez, maior protagonismo debido ao contexto sanitario”.

A rexedora lembrou que a instalación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións, creando zonas de estancia, repouso e para acceso ás piscinas e será tremendamente respectuosa coa contorna e garantista con toda a normativa urbanística e medioambiental en vigor.

“Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existente”, afirmou Lara Méndez.

A alcaldesa de Lugo quixo subliñar, alén, que “este proxecto da Plataforma de Baño Pública nos permitirá levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente. Queremos deixar de vivir de costas ao Miño, así o estamos a demostrar con todas as actuacións que recolle a estratexia Muramiñae - a peonalización da Calzada da Ponte, a creación das Caldas, a Pasarela sobre a Nacional VI e mesmo a ampliación e acondicionamento do paso soterrado, a recuperación do Carme, o carril bici etc -. Queremos que o río forme parte dos nosos escenarios habituais para o ocio, a práctica deportiva, a socialización, queremos xerar un apego social que sexa a base da súa conservación, do seu coidado e tamén da posta en valor do patrimonio que posuímos e que nos pertence para desfrutalo, para integralo como un recurso máis que nos fai únicos e privilexiados pola súa configuración paisaxística, pola súa riqueza e saúde e, dende logo tamén, pola súa versatilidade”, concluíu a rexedora.