Asinado o novo contrato do SAF de Ribadeo na modalidade de dependencia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Ribadeo asinou o novo contrato para o Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia.
Francisco Marín e Virginia Rodríguez asinaron o convenio de colaboración entre a CHMS e ADEGA.
3 Xuño 2020

O Concello de Ribadeo asinou o novo contrato para o Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia. Terá unha vixencia de tres anos e o importe ascende a 1.780.000 euros. Os usuarios e usuarias do SAF na modalidade de dependencia contarán nos seus domicilios cos servizos gratuítos de perruquería, podoloxía e fisioterapia, que son algunhas das melloras que inclúe o devandito contrato.

A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que “desde o Concello de Ribadeo vimos de asinar un novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia. É un contrato para os vindeiros tres anos cun importe total de máis de 1.780.000 euros. Isto foi posible grazas ao incremento do orzamento dedicado a este servizo porque a nosa intención, como goberno de Ribadeo, é converter os servizos sociais na pedra angular deste mandato dotando de dereitos á nosa veciñanza para atender axeitadamente as súas necesidades sociais”.

Freire Rancaño salientou que “este novo contrato contén importantes melloras no servizo con respecto ao que estábamos ofertando na actualidade de xeito que, a partir de agora, os usuarios e usuarias do SAF na modalidade de dependencia, comezarán a recibir novos servizos no seu domicilio de maneira gratuíta. Son perruquería, podoloxía e fisioterapia, que están incluídos neste novo contrato”.

A edil ribadense subliñou que “para nós, como goberno de Ribadeo, a sinatura deste contrato supón un fito moi importante porque cremos que será unha ferramenta de mellora na atención a un sector prioritario da nosa veciñanza. O noso Concello xa é unha referencia en toda a provincia, pola súa implicación e polo seu compromiso social, e nese sentido seguimos traballando. O obxectivo que perseguimos é dotar dun soporte ás persoas dependentes que aínda se fai máis importante nos tempos que vivimos actualmente”.

A empresa á que lle foi adxudicado o contrato é Servizos Sociais San Roque SL. Na actualidade son 55 persoas dependentes as que contan co SAF. Son 2.834 horas de servizo  ao mes e 34.000 horas anuais. O contrato ten unha duración de dous anos con posibilidade dunha prórroga doutro máis. 

Os usuarios e usuarias dependentes contarán agora, de xeito gratuíto, con servizo de perruquería que inclúe: lavado, corte, peiteado, tinguiduras, etc… do que tamén poderán dispoñer para ocasións especiais; afeitado; manicura: arranxo de uñas e cor.

No caso da podoloxía o servizo estará centrado en previr, diagnosticar e tratar as afeccións e deformidades dos pés, mediante procedementos terapéuticos. Este servizo, que será prestado por titulados universitarios colexiados, inclúe quiropodias e curas. 

E haberá fisioterapia de mantemento, cardíaca, respiratoria e neurolóxica, ademais de tratamentos contra a dor. 

Mónica Freire engadiu que “se trata de achegar servizos aos usuarios e usuarias, aos a súa situación de dependencia lles impedía acudir a unha perruquería ou a un podólogo, por exemplo”. 

Na firma do contrato administrativo para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia participaron ademais da concelleira de Servizos Sociais, o alcalde, Fernando Suárez, o secretario accidental do Concello, José Rodil, e Carmen González Cabrera, en representación da empresa adxudicataria. 

0.16985392570496