Asinan un convenio co CIFP As Mercedes para crear un centro móbil de seguimento de emerxencias

LugoXa
O alumnado instalará diversos sistemas no vehículo cedido por Protección Civil
lugo-convenio-co-CIFP-As-Mercedes-para-a-creación-dun-centro-móbil-de-seguimento-de-emerxencias
23 Out 2024

O Concello de Lugo, a través de Protección Civil, formalizou un convenio de colaboración co CIFP As Mercedes que permitirá ao alumnado do curso especializado en Aeronaves Pilotadas de Forma Remota - Drones, levar a cabo prácticas vinculadas á súa formación mediante o desenvolvemento dun centro móbil de seguimento de emerxencias. A entrega do vehículo que cede o Concello de Lugo para este fin contou coa asistencia da alcaldesa, Paula Alvarellos, e do director do centro, Joaquín Expósito.

O alumnado instalará diversos sistemas no vehículo cedido por Protección Civil, como o seguimento a través de drones e cámaras infravermellas, facilitando a busca e rescate de persoas desaparecidas, entre outras intervencións en emerxencias. Este proxecto tamén inclúe a creación dun posto de mando que permitirá o acceso en tempo real a distintas cámaras, potenciando así a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.

A alcaldesa Paula Alvarellos destacou a importancia deste acordo para seguir avanzando no uso de novas tecnoloxías ao servizo da seguridade cidadá, engadindo que “grazas a esta colaboración, Lugo contará sempre cun equipo de persoas formadas e preparadas para actuar cando sexa necesario activar un dispositivo de busca ou seguimento ante calquera emerxencia.” Alvarellos tamén subliñou o compromiso do Goberno local en "fortalecer estas colaboracións co obxectivo de atopar solucións innovadoras que melloren a resposta ante calquera incidencia".

Pola súa parte, Joaquín Expósito resaltou a oportunidade única que supón para o alumnado poder aplicar os seus coñecementos en escenarios reais, mellorando a súa preparación profesional e facilitando unha rápida adaptación ao mercado laboral nun sector en auxe como é o manexo de aeronaves non tripuladas. Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá, apostando por solucións innovadoras que complementen o traballo de Protección Civil en escenarios de maior complexidade operativa.

0.2077419757843