Aspace lanza unha campaña para pedir o acceso a cadeiras de rodas eléctricas

LugoXa
Aspace lanza unha campaña de sensibilización para pedir o acceso a través do sistema de saúde a cadeiras de rodas eléctricas
Campaña aspace
Campaña aspace
25 Mar 2023

Aspace está a realizar unha campaña de sensibilización para por en coñecemento da sociedade que "o Sistema Nacional de Saúde nega o acceso a unha cadeira de rodas eléctrica a persoas con parálise cerebral e con grandes necesidades de apoio pola súa propia condición de persoas con pluridiscapacidad".

Así o asegura a confederación Aspace, que explica que "a previsión normativa do Sistema Nacional de Saúde esixe o manexo autónomo da cadeira, algo que choca coa realidade das persoas con parálise cerebral, quen nun 80% dos casos teñen grandes necesidades de apoio e precisan da asistencia doutra persoa as 24 horas do día durante os 365 días do ano".

Por iso, "a norma resulta discriminatoria para persoas con parálise cerebral, xa que se impide a subvención dun produto básico para a súa vida e para a súa participación social en condicións de igualdade" declaran.

Ante esta circunstancia de non poder acceder a unha cadeira de rodas eléctricas, "as familias han de custearse este recurso, cuxo prezo alcanza os 6.000 €, aos que hai que sumar as reparacións futuras das cadeiras, que oscilan entre os 1.000 € e os 2.000 €" informan dende a confederación e engaden que "no caso de non poder afrontar este custo, as familias adquiren unha cadeira manual manexada pola principal persoa coidadora que, nun 71,5% dos casos, son as nais. Ao asumir os coidados, estas mulleres renuncian á súa carreira profesional e, ademais, reciben un impacto negativo na súa saúde por, entre outros motivos, o manexo da cadeira sen un motor que reduza a súa carga física".

Para Aspace "a denegación das cadeiras de rodas eléctricas vulnera o dereito á mobilidade persoal de quen ten grandes necesidades de apoio. A mobilidade persoal é unha dereito chave para calquera persoa porque permite acceder ao resto de dereitos recoñecidos na Convención de Dereitos de Persoas con Discapacidade e a unha vida independente. Sen este dereito, as súas saídas ao exterior quedan limitadas e mesmo poden quedar recluídas ao fogar".

De feito, segundo o estudo elaborado por Confederación Aspace, Percepción social da discriminación en persoas con parálise cerebral, o 39,4% dos homes con parálise cerebral non puido exercer o seu dereito á mobilidade persoal, ascendendo ao 60,6% no caso das mulleres con parálise cerebral.

Por todas estas razóns Aspace vén de por en marcha unha campaña de sensibilización que leva por título A Rampla máis plana do mundo, coa que queren visibilizar esta situación e animar á sociedade para apoiar esta reivindicación coa súa firma na web.

A campaña conta con distintos vídeos onde persoas con parálise cerebral e os seus familiares dan testemuño en primeira persoa desta situación e o que supón a denegación deste tipo de cadeiras para as súas vidas.

Ademais, tamén se difundirá en RRSS con #LaRampaMasLLana e distintas publicacións reclamando este dereito para a autonomía persoal e a vida independente das persoas con parálise cerebral.

0.19225597381592