ASPACE Lugo reúne preto de 200 persoas nunha Xornada de Deporte Inclusivo en Frigsa

ASPACE Lugo celebrou o pasado 18 de setembro unha Xornada de Deporte Inclusivo no Complexo Polideportivo de Frigsa, na que participaron preto de 200 persoas entre alumnado de centros educativos e persoas usuarias de entidades do ámbito da discapacidade.
Ao longo da mañá, os participantes organizáronse en grupos e foron rotando por oito modalidades deportivas, co acompañamento de clubs e deportistas especializados. Así, puideron practicar baloncesto coa Fundación Breogán, boxeo co Club Boxing Cidade de Lugo, karate coa Escola Shihan, voleibol co Emevé, tenis con As Termas, tenis de mesa coa Asociación Dez Portas, atletismo con Maxi Rodríguez e boccia con José Manuel Vázquez.
A xornada ofreceu aos participantes a oportunidade de coñecer diferentes disciplinas, compartir experiencias con clubs e deportistas e descubrir distintas formas de practicar deporte, adaptadas ás capacidades e necesidades de cada persoa.
A iniciativa contou tamén coa presenza de representantes das administracións públicas. Ata o Complexo Polideportivo de Frigsa desprazáronse Óscar Viñas Penelas, director territorial de Lugo da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; Gustavo Enrique Díaz Rey, concelleiro de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo; Damián Carballo Méndez, concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude do Concello de Lugo; e Borja Darriba Villamor, asesor colaborador de Política Social do Concello de Lugo.
Con esta actividade, ASPACE Lugo buscou crear un espazo de participación, convivencia e inclusión, reivindicando o deporte como unha oportunidade para compartir, relacionarse e gozar xuntos, con e sen discapacidade.