Aspnais avalía a súa resposta ante emerxencias cun simulacro de evacuación

LugoXa
A actividade permitiu avaliar o tempo de reacción, a coordinación interna e a eficacia dos procedementos establecidos en caso de emerxencia
simulacro-de-evacuación-Aspnais-Lugo
12 Jun 2025

Aspnais celebrou un simulacro de evacuación nas súas instalacións co obxectivo de revisar os protocolos de actuación e mellorar a resposta ante posibles situacións de risco.

No exercicio participou persoal da entidade e usuarias e usuarios do centro, baixo a coordinación dunha dotación de cinco bombeiros e un mando do Parque de Bombeiros de Lugo, que se desprazaron ao lugar con dous vehículos.

A actividade permitiu avaliar o tempo de reacción, a coordinación interna e a eficacia dos procedementos establecidos en caso de emerxencia. Este tipo de simulacros forman parte das dinámicas habituais que desenvolve Aspnais para garantir contornas seguras, especialmente para persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que asistiu ao operativo xunto ao presidente de Aspnais, José Reigosa, salientou a importancia de que “as entidades sociais conten con protocolos actualizados e co respaldo dos servizos de emerxencia para garantir unha resposta eficaz ante calquera incidencia”.

Fernández puxo en valor a implicación de Aspnais na protección das persoas usuarias e destacou a colaboración activa dos Bombeiros de Lugo “en accións que melloran a seguridade de toda a comunidade”. Desde o Concello insisten en que esta colaboración co tecido social da cidade é clave para reforzar a prevención e construír espazos máis seguros para todas as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.16944003105164