ASPNAIS celebra 60 anos coa presentación do libro “ASPNAIS 60 anos. 100 olladas”

A asociación ASPNAIS celebrará o seu 60 aniversario cun acto conmemorativo no que se presentará o libro “ASPNAIS 60 anos. 100 olladas”, unha publicación que recolle vivencias, reflexións e testemuños de persoas que estiveron vinculadas á entidade ao longo da súa traxectoria.
A presentación terá lugar o luns 8 de xuño ás 19.00 horas no salón de plenos do Concello de Lugo, nun encontro que servirá non só para dar a coñecer a publicación, senón tamén para poñer en valor a historia da organización e agradecer o apoio de todas as persoas e institucións que contribuíron ao seu crecemento desde a súa fundación.
A obra propón un percorrido humano e próximo por seis décadas de traballo continuado no ámbito da atención á discapacidade intelectual, poñendo o foco nas experiencias de familias, profesionais e persoas usuarias que formaron parte deste proxecto colectivo.
O acto enmárcase nun programa de celebración co que ASPNAIS quere recoñecer o camiño percorrido e reafirmar o seu compromiso de futuro.