ASPNAIS celebra a tradicional Festa da Familia coincidindo co seu 60 aniversario

LugoXa
A entidade reuniu persoas usuarias, familias e autoridades nunha xornada de convivencia nas instalacións
Día-da-Familia-ASPNAIS-Lugo-2026
25 Apr 2026

A Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) celebrou a súa tradicional Festa da Familia, unha cita marcada pola convivencia entre persoas usuarias, acompañantes e representantes institucionais que adquiriu este ano un significado especial ao coincidir co 60 aniversario da entidade lucense.

O encontro desenvolveuse nas instalacións da rúa Santiago e serviu para poñer en valor a longa traxectoria dunha asociación que, segundo destacou Rivera Capón, traballa de maneira constante desde o ano 1966 pola inclusión social, educativa e laboral das persoas con discapacidade intelectual.

O deputado provincial salientou tanto o labor diario que desenvolve a entidade como o apoio prestado polas familias e o compromiso do equipo interdisciplinar de profesionais que forma parte de ASPNAIS. Segundo indicou, o seu traballo resulta fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Durante o acto, Rivera Capón lembrou tamén a colaboración que mantén a Deputación de Lugo coa asociación mediante unha achega anual de 5.000 euros destinada a apoiar un programa de intervención psicolóxica dirixido ás persoas usuarias. Esta iniciativa ten como obxectivo contribuír ao benestar emocional, favorecer a autonomía persoal e reforzar a atención integral que reciben no seu día a día.

Ademais do apoio económico, a institución provincial tamén ten cedida a sede á entidade, consolidando así unha relación de cooperación continuada con ASPNAIS.

0.11719107627869