Aspnais celebra seis décadas de historia coa presentación do libro "60 anos, 100 olladas"

A Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais) presentou o libro Aspnais 60 anos, 100 olladas, unha publicación coordinada por Xulio Xiz e Antonio Giz que repasa a historia da entidade ao longo das súas seis décadas de traxectoria e recoñece o labor de todas as persoas que contribuíron ao seu desenvolvemento.
A obra reúne cen testemuños que, desde o respecto, o afecto e a memoria, ofrecen unha visión plural sobre as orixes, a evolución, a misión e os valores dunha asociación que se consolidou como un referente no acompañamento ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.
Durante o acto, os coordinadores da publicación explicaron que o libro nace coa intención de preservar a memoria dunha iniciativa que transformou a vida de numerosas persoas e de poñer en valor o esforzo colectivo de quen fixeron posible o seu crecemento ao longo dos anos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou na presentación e trasladou o seu recoñecemento á entidade e a todas as persoas que formaron parte da súa historia. A rexedora destacou que Aspnais soubo medrar mantendo intactos os seus principios de proximidade, coidado e defensa da dignidade das persoas.
Candia puxo en valor o compromiso, a humanidade e o traballo constante dunha asociación que leva seis décadas desenvolvendo unha labor fundamental para construír unha sociedade máis inclusiva e solidaria. Tamén recoñeceu a profesionalidade do equipo, a implicación do voluntariado e o esforzo das familias, subliñando que o seu traballo diario permite que moitas persoas conten co apoio necesario para desenvolver os seus proxectos de vida.
A alcaldesa definiu a entidade como un exemplo da capacidade da sociedade para unir esforzos na construción dunha cidade máis xusta, máis humana e con maiores oportunidades para todos. Ademais, felicitou a Aspnais polo seu 60 aniversario e desexoulle que continúe avanzando coa mesma ilusión, compromiso e vocación de servizo que marcaron a súa traxectoria.
Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, situou a asociación como unha entidade de referencia no acompañamento ás persoas con discapacidade na provincia de Lugo. Durante a presentación da publicación, trasladou o agradecemento do Goberno galego pola calidade humana, o esforzo e a dedicación demostrados durante estas seis décadas para visibilizar as necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias.
Acevedo reafirmou o compromiso da Xunta con Aspnais e co conxunto do movemento asociativo, ao considerar que constitúe un piar fundamental para estender o apoio das administracións ás persoas que máis o precisan. Así mesmo, destacou que o traballo da entidade resulta imprescindible para seguir construíndo unha Galicia máis xusta, igualitaria e inclusiva.
Na presentación tamén participou o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo, Miguel Fernández Méndez, quen salientou o valor dunha publicación que recolle a traxectoria dunha entidade que considera un referente social para a cidade e a provincia pola súa contribución á inclusión e á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
O deputado destacou que Aspnais representa os valores dunha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva, ao tempo que lembrou o compromiso da Deputación coa asociación. Neste sentido, explicou que a institución provincial achega anualmente 5.000 euros para o programa de intervención psicolóxica da entidade, destinado a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias. Ademais, lembrou que a Deputación ten cedidas a Aspnais as antigas instalacións do Hospital San Xosé, facilitando así o desenvolvemento da súa actividade e da atención que presta en toda a provincia.