Aspnais fai 60 anos de vida e continúa cun obxectivo claro: “Seguir mellorando a calidade de vida dos usuarios”

Jessica Fernández
Aspnais, a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, é hoxe unha entidade consolidada e de referencia, pero a súa orixe remóntase a un tempo no que a discapacidade intelectual apenas tiña visibilidade social. A entidade constituíuse o 8 de xaneiro de 1966, impulsada por un grupo de pais que decidiron organizarse para dar resposta ás necesidades especiais dos seus fillos nun contexto marcado pola falta de información, de recursos e de apoio institucional.
Cando Aspnais deu os seus primeiros pasos, a realidade das familias era moi distinta á actual. A discapacidade intelectual vivíase “desde o silencio, o descoñecemento e, en moitas ocasións, desde o medo”, lembra o presidente da asociación, José Reigosa. Ser nai ou pai dunha persoa con discapacidade significaba avanzar sen referencias claras e loitar contra un sistema que non ofrecía practicamente alternativas. “As familias camiñabamos case a cegas, non había apenas recursos nin apoios especializados”, explica. Aspnais nace por pura necesidade, coa intención de abrir camiño e defender dereitos que daquela non estaban recoñecidos.
O primeiro gran obxectivo foi a escolarización das persoas con discapacidade intelectual, que nos anos 70 quedaban fóra do sistema educativo. Co paso do tempo e a medida que as administracións asumiron esa responsabilidade, as metas foron evolucionando e ampliándose. Con todo, a filosofía de fondo mantívose intacta. “O principal obxectivo foi e seguirá sendo o benestar dos usuarios e a plena inclusión”, sinalan desde a entidade. A iso súmase unha loita constante para evitar que ningunha persoa quede excluída por motivos económicos. “Seguimos loitando pola concertación de prazas coa administración para que ningunha persoa, por falta de recursos, teña que quedar na casa”, explican.
Ese compromiso tradúcese nunha misión clara: integrar social, educativa e laboralmente ás persoas con discapacidade intelectual. Aspnais define o seu traballo como unha contribución ética baseada en apoios e oportunidades, coa finalidade de que cada persoa poida desenvolver o seu propio proxecto de calidade de vida. Ao mesmo tempo, a asociación traballa por promover unha inclusión real, entendida como cidadanía plena nunha sociedade máis xusta e solidaria.

UNHAS INSTALACIÓNS QUE PERMITEN O DESENVOLVEMENTO PERSOAL
Na actualidade, Aspnais atende persoas con todo tipo de discapacidade intelectual. Son 183 os usuarios que desenvolven actividades nas instalacións do antigo Hospital San José, unha cesión que marcou un antes e un despois na historia da entidade. O traslado desde o antigo edificio da rampla de Claudio López resultou clave para mellorar as condicións de vida e de traballo. “Aquel edificio cumpría os requisitos mínimos, pero non permitía facer moitas das actividades que queriamos”, lembran. As novas instalacións, máis amplas e mellor adaptadas, supuxeron “unha mellora importante na calidade de vida tanto dos usuarios como dos traballadores”.
Aspnais conta con tres tipos de centros diferenciados: centro ocupacional, centro de día e centro residencial. Os usuarios do centro ocupacional e do centro de día chegan ás instalacións ás 10 horas e regresan ás súas casas ás 18 horas, mentres que as persoas do centro residencial permanecen no hospital as 24 horas do día, os 395 días do ano.
Por outro lado, a entidade dispón dun cadro humano formado por 85 traballadores, ademais dun equipo de voluntariado que resulta esencial para desenvolver as actividades de lecer. A estrutura complétase cun equipo directivo con tres directoras de área e un equipo técnico integrado por psicólogos, pedagogos, fisioterapeutas, traballadores sociais, así como coidadores e monitores de talleres.
Grazas a estes profesionais, desenvólvese unha actividade diaria intensa e diversa. Cando unha persoa ingresa en Aspnais, o equipo técnico realiza unha avaliación do seu perfil e das súas capacidades para asignala ao taller máis axeitado. “Para eles, vir aquí é como vir ao seu traballo”, explican. Os usuarios participan en talleres de lavandería, carpintería, serigrafía, fregones, cerámica ou envasados, entre outros. A estas tarefas súmanse actividades de ocio, deporte, visitas culturais, campamentos de verán ou saídas á praia, pensadas para fomentar a autonomía e a integración social.

APOSTAR POLA CONTINUIDADE
O sostemento económico da asociación baséase nun modelo mixto. Aspnais conta con arredor de 450 socios, que achegan unha cota anual mínima de 30 euros. O 74 % do orzamento procede da Xunta de Galicia, arredor do 18 % é financiado polos propios usuarios, e o resto complétase con achegas da Deputación, do Concello e con actividades destinadas á recadación de fondos. Desde a entidade destacan especialmente o apoio da cidadanía. “A sociedade lucense involúcrase totalmente con calquera actividade que desenvolvemos, e quero agradecer publicamente ese apoio”, sinalan, ao tempo que recoñecen a colaboración institucional, aínda que sempre con marxe para mellorar.
De cara ao futuro, Aspnais aposta pola continuidade. Tras 13 anos á fronte da entidade, a presidencia ten claro que a prioridade segue sendo a mesma: “Seguir mellorando a calidade de vida dos usuarios, dos traballadores e das súas familias”. Un dos grandes proxectos xa materializados foi a reforma do Hospital San José, polo que, polo de agora, non hai novas iniciativas de gran envergadura sobre a mesa. A mirada está posta en consolidar o camiño percorrido durante seis décadas de traballo constante a favor da inclusión e da dignidade das persoas con discapacidade intelectual.