Aspnais organiza a primeira Holi Run en Lugo cun percorrido solidario cheo de cor e música

LugoXa
A carreira celebrarase o 13 de setembro cun trazado de 3 quilómetros e unha festa final no parque de Rosalía
Holi-Run-Aspnais-Lugo
5 Sep 2025

Aspnais presentou a I Holi Run Aspnais 2025, unha iniciativa solidaria que se desenvolverá o sábado 13 de setembro en Lugo cun percorrido de tres quilómetros pensado para todas as idades e inspirado no tradicional festival das cores da India.

O evento partirá das instalacións da entidade, situadas na rúa Santiago, ás 18.30 horas, e concluirá no parque de Rosalía cunha festa amenizada por unha disco móbil.

A inscrición ten un prezo simbólico de 5 euros e inclúe un pack solidario con camiseta, bolsa de polvos holi, botella de auga e chocolatina.

Estes polvos están elaborados con amidón de millo e colorantes alimentarios, polo que son libres de alérxenos, sen glute, respectuosos co medio ambiente e de fácil limpeza, evitando residuos nas rúas grazas á súa biodegradabilidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da carreira xunto co presidente de Aspnais, José Reigosa, e representantes doutras entidades colaboradoras.

Arias animou á sociedade lucense a sumarse á cita, que definiu como “unha iniciativa que combina deporte e solidariedade nun ambiente cheo de cor”, ao tempo que puxo en valor o traballo diario de Aspnais en favor da inclusión das persoas con discapacidade.

⚙ Configurar cookies
0.14513802528381