Aspnais recibe un novo vehículo adaptado subvencionado totalmente pola Xunta

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, comprobou hoxe as prestacións do vehículo adaptado que adquiriu a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais) grazas ás axudas da Xunta para facilitar o transporte de persoas dependentes ou con discapacidade. A visita enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que este ano pon o foco na importancia de avanzar cara a unha mobilidade máis accesible e sostible.
A entidade luguesa recibe este vehículo no marco da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para a adquisición de vehículos adaptados, dotada con 500.000 euros e resolta o pasado mes de agosto. Na actual convocatoria, a Xunta concedeu 12 axudas, que permitían financiara ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 50.000 euros por vehículo.
A liña está destinada á compra de vehículos novos adaptados para persoas con mobilidade reducida, que deben contar coas adaptacións técnicas necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e comodidade das persoas usuarias. Os vehículos poden destinarse, entre outros usos, ao transporte escolar, á asistencia a centros de día ou aos desprazamentos para tratamentos de rehabilitación e servizos similares.
Esta iniciativa enmárcase nun ámbito de actuación prioritario para a Xunta, orientado á mellora da mobilidade no eido dos servizos sociais, ao tempo que se fomenta unha mudanza cara a modelos de transporte máis sostibles desde o punto de vista ambiental. Contribúese así á redución do impacto sobre a contorna natural e á mellora da calidade de vida das persoas dependentes e con discapacidade, tanto a nivel individual como colectivo. Nesta liña, as axudas subvencionan vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C.
Outras medidas de apoio
Esta liña de axudas súmase a outras medidas da Xunta para facilitar a mobilidade das persoas con necesidades especiais. No ámbito do taxi, o Goberno galego apoia a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida con contías de ata 10.000 euros, unha medida que permitiu financiar na última convocatoria a compra de 31 vehículos.
Ademais, a Xunta facilita o transporte escolar adaptado ao alumnado de 17 entidades especializadas na atención á diversidade. Neste curso 2025-2026 destina máis de 1,9 millóns de euros para colaborar con entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego no desprazamento de alumnado con distintos tipos de discapacidade.