ASPNAIS reforzará a atención psicolóxica ás persoas con discapacidade intelectual para afrontar procesos de dó

A Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) reforzará o seu programa de intervención psicolóxica grazas a unha achega de 5.000 euros da Deputación de Lugo. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer apoio especializado ás persoas con discapacidade intelectual que se enfrontan ao proceso de dó tras a perda dun ser querido.
O programa está deseñado para acompañar aos usuarios nunha situación que adoita resultar especialmente complexa, facilitándolles ferramentas que lles permitan comprender e expresar as súas emocións, afrontar a perda e adaptarse á nova realidade de forma progresiva.
Para acadar estes obxectivos, os profesionais de ASPNAIS desenvolven sesións tanto individuais como grupais nas que empregan diferentes recursos terapéuticos, entre eles o debuxo, a escritura ou técnicas de relaxación, adaptando o acompañamento ás necesidades de cada persoa.
Na actualidade, ASPNAIS presta atención a máis de 150 persoas con discapacidade intelectual e acumula máis de cincuenta anos de traballo promovendo a inclusión social, educativa e laboral deste colectivo, ademais de ofrecer apoio ás súas familias.