Asporcel conmemora en Lugo o seu 25 aniversario
A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) conmemorou o seu 25 aniversario cun acto celebrado no Claustro da Catedral. Durante o evento, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capónreivindicou a necesidade dunha maior implicación co sector primario, sinalando que "non podemos pedirlle esforzos ao sector se non apostamos decididamente por el e non estamos ao lado dos produtores".
O deputado fixo fincapé na incerteza que enfrontan moitos gandeiros, especialmente en relación coas axudas á produción e os prazos da administración para incrementar as partidas orzamentarias, que ás veces tardan un ano en resolverse. Neste sentido, recordou que a Deputación Provincial colabora con ASOPORCEL cun apoio económico de 39.000 euros, subliñando que esta achega é unha aposta tanto polas tradicións como polo futuro do sector.
O acto contou coa presentación do meteorólogo e experto en comunicación Martín Barreiro, e estivo acompañado por outras autoridades como a deputada de Cultura, Iria Castro, e o Presidente de ASOPORCEL, José Barreira. Rivera Capón felicitou aos criadores, responsables e distribuidores que durante estes 25 anos apostaron pola raza porcina celta e o seu desenvolvemento. Destacou o traballo realizado na modernización e posta en valor do sector gandeiro, eloxiando o enfoque de ASOPORCEL na recuperación das especies autóctonas e dos métodos tradicionais de crianza que priorizan o benestar animal, o que, segundo el, "abre as portas do futuro" para a asociación.
Na súa intervención, Iria Castro valorou o traballo das criadoras e criadores de porco celta e do persoal técnico da entidade
que “co voso sacrificio e loitas diarias preservades o patrimonio xenético da raza Porco Celta” e destacou a importancia “do asociacionimso e do cooperativismo nos 25 anos de traxectoria con logros evidentes en moitos ámbitos, desde a promoción do produto ata a xestión dos montes”. Con esta conmemoración, ponse en relevo a importancia dun traballo continuo e planificado, que logrou consolidar a raza porcina celta como un referente de calidade e tradición.