Asteria Luzardo inicia un novo mandato á fronte da Facultade de Ciencias de Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A decana aposta por impulsar novos proxectos no Campus Terra, adaptar as titulacións ás necesidades actuais e reforzar a conexión co tecido produtivo
Asteria-Luzardo-Álvarez
21 Jul 2026

A profesora Asteria Luzardo Álvarez tomou posesión como decana da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo para iniciar un novo mandato no que marcará como prioridades o fortalecemento da investigación, a actualización da oferta académica e a captación de talento.

A responsable do centro considera que a actual oferta formativa e o convenio de colaboración para impulsar o Campus Terra como campus de especialización abren novas oportunidades para desenvolver proxectos innovadores e responder aos retos científicos e sociais dos vindeiros anos.

Durante o acto, Luzardo destacou que a Facultade de Ciencias afronta esta nova etapa cunha base académica consolidada, integrada por tres graos e dous másteres, que comparten unha visión centrada nas biociencias, a tecnoloxía e o ámbito agroalimentario. Ao seu xuízo, esta combinación sitúa ao centro nunha posición privilexiada para continuar medrando tanto no eido docente como investigador.

Entre os principais obxectivos para os próximos anos, a decana sinalou a reverificación do Grao en Bioquímica, que alcanza a súa segunda edición, así como a implantación do novo Máster en Biociencias Moleculares. Tamén avanzou a actualización dos plans de estudos do Grao en Nutrición Humana e Dietética e do Máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias, co propósito de adaptar ambas titulacións á evolución da profesión e ás necesidades do alumnado e do mercado laboral.

Outro dos retos será a reforma das mencións e da oferta de materias optativas do Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, unha modificación coa que se pretende reforzar a relación entre a formación universitaria e o tecido empresarial, favorecendo unha preparación máis próxima á realidade profesional.

No acto tamén interveu a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa M. Crujeiras, quen puxo en valor a evolución da Facultade de Ciencias e o seu papel no desenvolvemento do Campus de Lugo. Lembrou que as súas orixes se remontan ao Colexio Universitario creado para achegar os estudos superiores á provincia, unha iniciativa que supuxo o inicio da consolidación do campus lucense como un espazo universitario con identidade propia e un papel estratéxico dentro da USC.

A reitora destacou que, ao longo das últimas décadas, a Facultade de Ciencias ampliou a súa oferta formativa e consolidou unha comunidade docente e investigadora de referencia. Neste sentido, subliñou a importancia de titulacións como Bioquímica, Nutrición Humana e Dietética ou Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, que, segundo indicou, responden ás necesidades científicas e profesionais de Galicia e representan ámbitos nos que a USC debe seguir formando profesionais con altos estándares de excelencia.

0.13438510894775