Autorizada a instalación de gaiolas-trampa para controlar a poboación de xabarís na contorna de Lugo

A Xunta de Galicia autorizou a solicitude do Concello de Lugo para instalar gaiolas-trampa destinadas ao control das poboacións de xabarís no entorno da cidade. A medida responde á petición municipal de aplicar medidas de control para mitigar os efectos que ten para a seguridade das persoas a presenza de exemplares desta especie nas zonas urbanas e periurbanas do municipio.
A localización da gaiola será acordada entre o persoal municipal e a Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (UICON) da Xunta, buscando unha maior efectividade. Os axentes da UICON encargaranse da instalación, vixilancia e seguimento da trampa, así como de avisar á Administración local cando os xabarís entren no dispositivo.
Pola súa banda, o Concello de Lugo asumirá o cebado da gaiola-trampa, seguindo as indicacións da UICON, e o transporte dos exemplares capturados ata o destino para a súa xestión, que será determinado por persoal facultativo veterinario de acordo coa normativa vixente. A autorización terá unha vixencia dun ano e enmárcase no procedemento impulsado pola Xunta no ano 2023 para facilitar as capturas destes animais en lugares concretos de cidades e áreas metropolitanas.
A autorización chega mentres o PSOE reclama ao Goberno local a creación inmediata de brigadas municipais de control e seguimento do xabaril ante a presenza continuada de mandas nas zonas sur e suroeste de Lugo. A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, cualificou a situación de “máxima gravidade” e reclamou tamén a posta en marcha dun dispositivo específico que inclúa supervisión nocturna da Policía Local, presenza de efectivos cualificados e supervisión técnica.
Segundo a edil socialista, nas últimas semanas as piaras están a provocar danos en zonas públicas e privadas nunha extensión superior ás 220 hectáreas. González Abelleira sinalou que a presenza dos animais se estende desde Fontiñas ata o parque Marcos Cela, pasando pola avenida de Madrid, a rúa Montirón, a rúa da Bouza e a avenida de Magoi, especialmente no contorno do auditorio Fuxan os Ventos.
A concelleira advertiu de que os animais están entrando en contornos residenciais e, segundo denunciou, mesmo nos portais dos edificios. “Estamos falando de animais que xa non aparecen de maneira puntual en espazos periurbanos, senón que están entrando literalmente nos portais dos edificios”, afirmou.
González Abelleira reclamou que o Concello actúe de maneira inmediata nas zonas afectadas e lembrou que o PSOE leva reclamando desde 2024 medidas á Xunta para abordar o problema do xabaril e establecer sistemas eficaces de control da fauna salvaxe nos contornos urbanos.
A portavoz adxunta socialista tamén criticou a mesa política organizada por Candia para abordar esta cuestión, que cualificou de “operación cosmética”. Segundo González Abelleira, o encontro non resolveu o problema nin deu resposta ás demandas da veciñanza.
A edil socialista defendeu que a responsabilidade debe ser compartida entre as administracións, aínda que reclamou que cada unha actúe dentro das súas competencias. “A Xunta debe poñer en marcha medidas eficaces de control do xabaril, pero o Concello non pode permanecer de brazos cruzados. Ante a gravidade actual, ten que garantir a seguridade veciñal cos medios dos que dispón e activar un dispositivo específico nas zonas afectadas”, explicou.
ACTUACIÓNS DESDE O CONCELLO
Desde o Goberno anunciaron as medidas que se tomaron ante esta situación unha vez que chegaron á dirección.
Primeiro citan, a prevención, coa limpeza e desbroce de fincas que presentaban unha situación de abandono "e coa publicación dun bando para lembrar a obrigación de manter estes espazos en condicións axeitadas. É unha medida que non responde só ao problema dos xabaríns, senón tamén á prevención de incendios, á salubridade e ao coidado do contorno".
Segundo mencionan a coordinación. "Estamos traballando man a man co Hospital veterinario Rof codina, coa Asociación Galega de Caza e coa Asociación de Tecores de Galicia, ATEGAL, que mostraron desde o primeiro momento unha disposición absoluta a colaborar. Tamén estamos en coordinación coas distintas administracións. Neste sentido, a Deputación trasladounos que comezará a desbrozar a próxima semana".
E terceiro, "o control da presenza dos animais, sempre seguindo os protocolos establecidos pola Xunta de Galicia. De feito a Xunta acaba de autorizar a solicitude para instalar gailoas trampa para o control das poboacións de xabaril na contorna do municipio. Empregaranse unidades de grandes dimensións nas que entra unha camada enteira", din.
Tamén está xa en marcha dende hai unhas semanas a captura a través de arqueiros, xa tendo varias capturas.
Dende o goberno local advirten que non estamos ante unha cuestión que se resolva cunha medida illada. Hai que facer prevención, facer seguimento e aplicar medidas de control. Iso é o que estamos facendo desde que chegamos ao Goberno: pasar de non ter unha planificación a poñer en marcha unha actuación coordinada e con medidas concretas.