Autorizan dous novos proxectos con investimento superior a 2 millóns de euros

LugoXa
Un edificio residencial en Ronda de Fingoi e unha nave industrial nas Gándaras impulsan emprego e dinamismo urbanístico
polígono-industrial-As-Gándaras
9 Mar 2026

O Concello de Lugo aprobará na próxima sesión da Xunta de Goberno Local dúas novas licenzas urbanísticas que suman un investimento privado superior aos 2 millóns de euros. As actuacións inclúen a construción dun edificio residencial na Ronda de Fingoi e a implantación dunha nave industrial no Parque Empresarial das Gándaras.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que “o dinamismo urbanístico é un indicador importante da evolución da cidade e tamén da confianza no seu desenvolvemento. Cada nova licenza que se concede supón investimento, actividade económica e oportunidades de emprego, ao tempo que contribúe a seguir ampliando a oferta residencial e empresarial do municipio”.

O proxecto residencial, promovido pola empresa Rodhnox Inversiones S.L., situarase na Ronda de Fingoi 140 e contempla a edificación dun inmoble con 16 vivendas, 16 trasteiros e 32 prazas de aparcamento, distribuídas en dúas plantas de soto, planta baixa, catro plantas altas e planta baixo cuberta. A edificabilidade total ascenderá a 2.579,50 metros cadrados sobre unha parcela de 2.585 metros cadrados, cunha altura prevista de 15,28 metros, inferior á máxima permitida polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. O orzamento de execución material será de 1.757.015,27 euros, con prazo máximo de 36 meses, e a licenza incorpora unha liquidación tributaria municipal superior aos 70.000 euros en taxas urbanísticas e ICIO.

Paralelamente, a Xunta de Goberno Local autorizará a construción dunha nave industrial promovida por Tecgal Enerxías S.L., vinculada ao sector dos servizos enerxéticos, no Parque Empresarial das Gándaras. A actuación contempla unha superficie construída de 921,82 metros cadrados e 876,50 metros útiles, destinada a almacenamento e zona administrativa, con cinco prazas de aparcamento asociadas. O investimento ascenderá a 303.790,47 euros, cun prazo de execución máximo de 18 meses, e a liquidación tributaria municipal supera os 12.000 euros.

Con estas autorizacións, o Concello reforza a execución de proxectos residenciais e empresariais que contribúen ao crecemento económico, á creación de emprego e ao desenvolvemento urbanístico de Lugo.

0.12106609344482