Auxilia Lugo percorrerá Montirón en cadeira de rodas para visibilizar as barreiras de accesibilidade

Auxilia Lugo organizará o vindeiro 27 de novembro unha ruta polo barrio de Montirón para chamar a atención sobre as dificultades que atopan as persoas con mobilidade reducida nos desprazamentos pola cidade. A iniciativa forma parte das IX Xornadas de Accesibilidade e conta coa colaboración do Concello de Lugo.

A actividade comezará ás 17.00 horas na rúa Virxe da Esperanza, diante do Hospital Veterinario HA, e finalizará na Ronda das Mercedes. O percorrido discorrerá pola rúa Illa Formentera, rodeará o xardín da Praza das Illas e continuará pola rúa Illa da Toxa ata chegar ao punto final.
A proposta busca amosar sobre o terreo os obstáculos que poden dificultar a circulación das persoas que utilizan cadeira de rodas ou teñen problemas de mobilidade. Para iso, a organización tamén convidará a representantes políticos a realizar o traxecto sentados nunha cadeira de rodas, co propósito de que poidan comprobar directamente as limitacións e barreiras que existen no espazo urbano.
Baixo o lema "Por unha cidade máis accesible para todas as persoas", a convocatoria pretende sensibilizar sobre a necesidade de eliminar os obstáculos nas rúas e avanzar cara a unha contorna urbana na que todas as persoas poidan desprazarse con autonomía e seguridade.
A iniciativa desenvolverase dentro dunha nova edición das Xornadas de Accesibilidade, que teñen como finalidade dar visibilidade ás necesidades das persoas con discapacidade e promover unha cidade máis inclusiva.