Auxilia Lugo promoveu un debate sobre accesibilidade no Centro Uxío Novoneyra

LugoXa
A entidade reuniu profesionais e representantes institucionais para analizar retos pendentes e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva
mesa-redonda-Auxilia-Lugo-accesibilidade
28 Apr 2026

O Centro Uxío Novoneyra de Lugo acolleu unha mesa redonda centrada na accesibilidade, unha cuestión que desde Auxilia Lugo consideran imprescindible para avanzar cara a unha sociedade verdadeiramente inclusiva.

A entidade, dedicada ao ámbito da discapacidade, organizou este encontro con distintos profesionais co obxectivo de abordar a situación actual, os desafíos aínda pendentes e a necesidade de construír unha sociedade máis aberta e igualitaria para todas as persoas.

Desde Auxilia Lugo subliñan que a accesibilidade non é só unha cuestión técnica, senón tamén de dereitos e oportunidades. Neste sentido, lembran que falar de accesibilidade significa garantir que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan participar en igualdade de condicións na vida social e cultural.

A asociación destaca ademais a importancia de formar parte deste tipo de iniciativas, ao considerar que os cambios reais nacen do coñecemento compartido, do diálogo e do compromiso colectivo.

Desde a entidade trasladaron o seu agradecemento ás persoas que fixeron posible a xornada. En primeiro lugar, ao concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, pola súa participación e implicación nesta materia. Tamén recoñeceron a colaboración de Antonio Javier Núñez Núñez, secretario do COAT Lugo e vogal da Comisión de Accesibilidade do Consello Galego da Arquitectura Técnica, pola súa achega e polo seu compromiso coa mellora da accesibilidade.

Auxilia Lugo agradeceu igualmente a asistencia do público participante, destacando o interese mostrado e a contribución a crear un espazo de aprendizaxe e reflexión considerado necesario e enriquecedor.

0.11979389190674