Auxilia Lugo renova o seu Consello Directivo na asemblea anual

A asociación Auxilia Lugo celebrou este sábado 30 de maio a súa asemblea anual co obxectivo de renovar o Consello Directivo da entidade. Durante a sesión, os socios e usuarios asistentes puideron coñecer o balance da actividade desenvolvida ao longo do ano 2025, así como a situación económica da organización.
A xornada comezou coa intervención da delegada da entidade, quen deu a benvida aos asistentes antes de presentar o resumo do traballo realizado durante o presente exercicio. Posteriormente, expúxose a contabilidade correspondente ao ano 2025 e ofrecéronse as explicacións necesarias sobre a xestión levada a cabo pola asociación.
Unha vez finalizada esta parte da reunión, procedeuse á votación para a renovación da actual Xunta Directiva. Ao presentarse unha única candidatura, encabezada por Nuria Neira, esta resultou elixida para asumir a dirección da entidade durante o novo período.
Tras a votación, a asemblea continuou coa presentación das actividades realizadas no que vai de ano e dos proxectos e iniciativas que Auxilia Lugo prevé desenvolver ata finais de 2025.
A sesión concluíu cunha quenda de rogos e preguntas na que os usuarios asistentes tiveron a oportunidade de expresar as súas opinións, formular propostas e achegar novas ideas para contribuír ao funcionamento e crecemento da asociación.
O novo Consello Directivo de Auxilia Lugo queda constituído por Nuria Neira Vila como delegada; Diego Moldes Soto como tesoureiro; Marta Martínez Montes como secretaria; e Aquilino González Álvarez como vogal de Accesibilidade.