Auxilia Lugo traslada a senadores e á deputada Cristina Abades as dificultades que afronta a entidade

Auxilia Lugo recibiu o pasado mércores, 2 de setembro, a visita dos senadores José Manuel Balseiro, senador nas Cortes Xerais de España; José Manuel Barreiro, senador nas Cortes Xerais de España; Juan Serrano, senador do PP por Madrid, e Cristina Abades, deputada no Congreso.
Os representantes políticos achegáronse ata a delegación que Auxilia, asociación de voluntariado de ámbito estatal que presta atención a persoas con discapacidade física e motórica, mantén en Lugo. A visita foi atendida pola delegada de Auxilia Lugo, Nuria Neira, e pola secretaria da entidade, Marta Martínez.
Durante o encontro, os representantes políticos amosaron o seu interese polas diferentes accións que desenvolve a delegación lucense, así como polas dificultades ás que se enfronta no día a día para atender as necesidades dos colectivos cos que traballa.
Un dos asuntos abordados durante a visita foi a situación provocada pola supresión, por parte do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, da axuda nominativa que Auxilia viña percibindo para o funcionamento da súa sede nacional desde hai décadas. Segundo explica a entidade, esta decisión tamén afectou a outras organizacións e produciuse sen que mediase ningún tipo de comunicación previa.
Auxilia Lugo considera que se trata dunha cuestión de especial relevancia e trasladou aos representantes políticos a información relativa a esta situación. A entidade sinala que, independentemente das actuacións que se leven a cabo ante a Administración competente, os senadores e a deputada dispoñen agora dos datos necesarios para solicitar unha resposta ao Goberno.
O obxectivo será determinar se a eliminación desta axuda responde a unha omisión involuntaria ou se, pola contra, se trata dunha exclusión que, segundo Auxilia, non tería unha xustificación aparente.
Desde Auxilia Lugo quixeron agradecer o interese mostrado durante a visita, así como o apoio recibido por parte dos representantes políticos, que permitiu dar a coñecer de primeira man tanto o traballo que desenvolve a entidade en Lugo como as dificultades que afronta para manter a súa actividade.