AVA organiza unha xornada temática sobre os coidados ás persoas maiores
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla organiza un encontro-conversa este venres 16 de xullo, ás 20 horas, nos exteriores do hotel restaurante Val para falar da situación do coidado e da atención ás persoas maiores nas zonas rurais de Galicia.
Contarase na conversa coa presenza de Sagrario Fernández Méndez (traballadora social do Sergas) e Rubén Camilo Lois González (catedrático de análise xeográfica rexional da USC). Según AVA, "eles verterán luz e sinalarán algúns puntos clave deste reto". Sagrario explicará cómo hai que entender a atención ás persoas maiores dende a óptica galega do minifundismo e Rubén sinalará cómo o despoboamento e as novas lóxicas demográficas no territorio galego provocan problemáticas ás que é preciso atender.
O coloquio pretende, nun primeiro momento, analizar as actuais características demográficas do rural galego do interior e dos cambios sufridos no mesmo para logo falar concretamente das implicacións que isto ten na atención ás persoas maiores, que se basan actualmente no desarraigo deses maiores con respecto aos seus e ao seu territorio. "Coidamos que esta posta en común a dúas voces (xeografía humana e atención sanitaria) pode ser moi interesante", engade Gontá.
"A pandemia da covid19 pon de manifesto que o sistema actual ten profundas eivas que cómpre comezar a solucionar. Os nosos maiores precisan uns coidados integrais que, ao mesmo tempo, non conleven o desarraigo coa súa familia-veciñanza e territorio", afirma María Gontá, concelleira de AVA. Engade que, "en concellos rurais coma o noso hai que analizar alternativas de coidados que respeten todo o posible a maneira de vivir das nosas persoas maiores".
O acto realizarase en exteriores no hotel restaurante Val e contará con todas as medidas de protección ante a covid19.