AVA volve denunciar o mal estado de Centro de Saúde de Antas de Ulla

LugoXa
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla denuncia que "chove no interior do Centro de Saúde".
18 ene 2023

Alternativa Veciñal de Antas de Ulla denuncia que "chove no interior do Centro de Saúde". Así dende AVA "presentamos por rexistro preguntas dirixidas ao pleno municipal solicitando información sobre a construción do novo Centro de Saúde e sobre que actuacións ten previsto o Goberno Municipal para arranxar as deficiencias do edificio municipal onde se localiza o actual Centro de Saúde e, de telas previsto, en que prazo se van executar".

Dende o principio desta lexislatura AVA "ven denunciando o mal estado das instalacións presentando unha moción de urxencia sobre o estado do centro de saúde e unha reclamación aos orzamentos ante a mala conservación de edificios municipais, en concreto o mal estado do Centro de Saúde e da Casa da Cultura".

No 2019 dende AVA dirixiron "un escrito ao SERGAS sobre as deficiencias na prestación do servizo e comporbouse a mala situación do edificio municipal polo Xefe de Atención Primaria máis uns cantos técnicos da Xunta na visita que realizaron a raíz da denuncia no 2020. As conclusións desa inspección foron que os arranxos que se precisaban eran de tal calado que o máis viable era a construción dun novo centro de saúde".

Tras a aprovación por unanimidade de todos os grupos municipais a construción dun novo Centro AVA volvía poñer o foco "no pésimo estado do actual edificio do Centro de Saúde, situación que o propio Alcalde recoñecía, comprometéndose a realizar o mantemento necesario do actual edificio mentres non houbera o novo".

Pero “o certo, é que, a día de hoxe nin temos centro de saúde novo nin o actual conta cas condicións necesarias para prestar un servizo de calidade e segue a ter as mesmas deficiencias que fai xusto tres anos, sen ir máis lonxe no día de hoxe chovía dentro do edificio” declara María Gontá, voceira de AVA.