Avanza a construción da nova glorieta de acceso á Fonsagrada pola LU-530

A nova glorieta destinada a reorganizar o tráfico no acceso á Fonsagrada pola estrada autonómica LU-530 está en marcha, cuns traballos que xa acadaron o 40 % de execución, polo que a previsión apunta a que a intervención quedará completada no vindeiro mes de abril.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina preto de 220.000 euros a esta actuación, concibida para ordenar os movementos circulatorios nun punto de elevada intensidade de tráfico onde conflúen tres vías autonómicas: a travesía da LU-530, que comunica a localidade con Baleira, Castroverde e Lugo; a LU-730, coñecida como rúa Maior; e a LU-740, que se afasta cara a Vilardíaz.
A glorieta proxectada conta cun diámetro exterior de 30 metros, inclúe beirarrúas e unha zona central axardinada con céspede artificial. A iluminación correrá a cargo dunha columna cilíndrica de aceiro inoxidable de 12 metros de altura, equipada con catro proxectores de tecnoloxía LED que buscan optimizar a visibilidade e reducir o consumo enerxético.
Paralelamente, execútanse actuacións complementarias na contorna, entre elas o acondicionamento do ramal de acceso ás vivendas situadas na marxe Este da LU-730, que incorporará beirarrúas, cinco prazas de estacionamento e luminarias LED. Tamén se habilita unha área de parada fronte ao hotel próximo, coa que se facilitará a conexión directa coa nova rotonda.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a prioridade da intervención é reforzar a seguridade viaria e mellorar a funcionalidade da estrada para todos os usuarios. Engadiu, ademais, que o deseño tamén pretende ofrecer unha imaxe máis coidada do acceso á Fonsagrada, situada no trazado do Camiño Primitivo.
Durante as primeiras fases da obra levouse a cabo a renovación das redes municipais de abastecemento e saneamento, que presentaban un deterioro significativo e mesmo dificultaban o avance dos traballos na vía, polo que a súa mellora resultou imprescindible para garantir o correcto desenvolvemento da actuación.