"Avanzan a bo ritmo" as obras do Parque Central de Galicia de Antas de Ulla
"Avanzan a bo ritmo" as obras do Parque Central de Galicia de Antas de Ulla que a Deputación de Lugo ten en marcha no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, cun investimento de 1,3 millóns de euros.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Antas de Ulla e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron o avance destas obras, que din “avanzan a bo ritmo, xa está rematada a estrutura do edificio multiusos. Traballamos coa idea de que o primeiro trimestre do ano que vén poidamos poñer a disposición dos veciños e veciñas este espazo público de lecer e natureza que servirá para poñer en valor o Centro Xeográfico galego e que sen dúbida será un polo turístico importante para a comarca e para a provincia”, sinalou Tomé Roca.
O mandatario provincial e a alcaldesa, acompañados polos técnicos responsables da obra, realizaron unha visita aos terreos, cunha superficie aproximada de 20.000 metros cadrados para coñecer de primeira man como avanzan os aspectos urbanísticos e técnicos do proxecto.
Explicaron que, ademais dos forxados do inmoble, está feito o replanteo da base da zona de xogos e dos camiños, ademais da plataforma na que irá o monolito. O proxecto inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega.
Ademais, contará cun templete, o edificio multiusos, un parque infantil e fontes, así como iluminación, sinalización e mobiliario urbano. Tamén se vai mellorar e ampliar o camiño que circunda o complexo.
Durante a visita, comprobaron tamén os labores acometidos na nova parcela adquirida nas inmediacións do complexo, uns terreos que acondicionou a institución provincial mediante a retirada das árbores caídas, a roza da maleza e a plantación de céspede.
O proxecto, en detalle
O edificio multiusos terá unha única planta e incluirá un porche de acceso, salón de actos, vestíbulo que servirá de recepción, dous aseos adaptados e un despacho.
En canto ao templete será aberto con columnas de pedra que soportarán a cuberta. Ademais, na zona do monolito utilizarase pavimento continuo de cuarzo vermello terracota, e o monólito será de pedra natural.
Polo que respecta á explanada de xogos contará cuns 32 metros de longo e 19,60 metros de ancho, pensado para crear un espazo de ocio para as familias, escolares e o desenvolvemento de actividades.
Entre os dous edificios, a zona de xogos e o monolito, haberá un camiño de acceso central e un sendeiro perimetral peonil.
Contémplase ademais a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do complexo, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos visitantes.
Estrada de acceso ao Parque
Ambos mandatarios supervisaron cos técnicos o avance das obras na LU-P-0301 no tramo que dá acceso ao Parque Central, entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6 cun investimento de 425.000 euros.
As actuacións neste punto consisten no ensanche e na mellora integral da vía co obxectivo é preparar a estrada para soportar o alto volume de tráfico que se espera unha vez que o parque entre en funcionamento. Os traballos céntranse na explanada da vía e contan cun prazo de execución de seis meses.
O proxecto inclúe o movemento de terras, a drenaxe necesaria mediante a colocación de tubaxes adecuadas e a limpeza de cunetas; a pavimentación con aglomerado en quente ao longo de todo o trazado, así como a sinalización da estrada con marcas reflexivas brancas e a renovación dos sinais verticais que non se atopen en bo estado de conservación.
Unha actuación que, segundo valorou Tomé Roca, “é de gran relevancia para a veciñanza porque a estrada comunica a provincia de Pontevedra por Rodeiro e que será fundamental para completar este novo atractivo turístico”.
Ademais, a Deputación xa acometeu diversas actuacións para acondicionar o espazo para a construción dun aparcadoiro, que contará con 21 prazas para coches, dous para autobuses, así como prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida.
Nos terreos adquiridos pola institución provincial, realizáronse tamén labores de desbroce, corta de eucaliptos, plantación de especies autóctonas, entresaca de arbustos, podas e sementeira de céspede, entre outros traballos.
García Porto agradeceu a implicación e o compromiso da Deputación e do Presidente con este proxecto, “que será importantísimo para a dinamización social e económica do noso concello”. E destacou tamén a colaboración “total” entre ambas institucións “para poñer en marcha este espazo que aproveitará a singularidade desta zona e sacarlle partido para beneficiar á veciñanza da Ulloa e da provincia”.