Avanzan as obras de conservación no firme da N-540 en Calde

LugoXa
A intervención forma parte dun plan plurianual que xa mobilizou máis de 120 millóns de euros nas estradas estatais da provincia desde 2018
melloras-N-540-Calde-Lugo
24 Feb 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, desprazouse ata a parroquia de Calde para comprobar o avance das obras de conservación que se están a executar na estrada N-540, uns traballos que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible retomou unha vez melloraron as condicións meteorolóxicas, dando continuidade ao compromiso adquirido coa veciñanza e coas persoas usuarias desta vía.

Durante a visita, na que estivo acompañada por persoal técnico da Demarcación de Estradas do Estado, López incidiu no carácter estrutural da actuación e remarcou que non se trata dunha intervención illada, senón dunha liña de traballo continuada orientada á mellora progresiva da rede estatal na provincia de Lugo.

A subdelegada explicou que estas tarefas están incluídas no contrato plurianual de conservación de firmes da Rede de Estradas do Estado na provincia. Neste primeiro treito en Calde estanse a realizar labores de fresado do pavimento e reposición da mestura bituminosa, cun dispositivo de sinalización que minimiza as afeccións ao tráfico. Unha vez rematada esta fase, está previsto continuar coa execución do contrato integral xa adxudicado na propia N-540, actuando nos puntos que presentan un maior deterioro, entre eles o tramo comprendido entre Chantada e Carballedo.

Estas intervencións forman parte, ademais, dunha planificación máis ampla que afecta a distintas estradas estatais da provincia, co obxectivo de renovar de maneira progresiva os firmes e reforzar as condicións de seguridade e comodidade para as persoas usuarias. “A mellora da rede estatal en Lugo é unha prioridade sostida no tempo. Actuamos con planificación, con investimento e con criterios técnicos”, asegurou.

No apartado de investimentos, López lembrou que o Goberno de España destinou máis de 120 millóns de euros á conservación e modernización das estradas estatais lucenses desde xuño de 2018. Ao mesmo tempo, apelou á corresponsabilidade do resto das administracións públicas, sinalando que o Executivo central cumpre coas súas competencias e responde con feitos, e expresou a súa confianza en que outras institucións, como a Xunta de Galicia, actúen coa mesma responsabilidade nas vías da súa titularidade, ao considerar que a seguridade viaria é unha obriga compartida.

BNG NO PLENO PROVINCIAL

O grupo provincial do BNG reiterou no último pleno da Deputación a necesidade dunha intervención urxente na N-540, a única vía que comunica directamente Lugo con Ourense. A moción, defendida polo deputado Daniel García e aprobada por unanimidade, subliña que non se pode repetir outro inverno coa estrada en condicións tan precarias.

García demandou reparacións de emerxencia nos puntos máis afectados durante o primeiro semestre de 2026, así como a posta en marcha sen demora de actuacións de rehabilitación e reforma estrutural nos treitos máis danados. O deputado nacionalista insistiu na importancia de concretar calendarios e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos, advertindo do risco que supón o estado actual da vía para a seguridade das persoas usuarias.

No debate, García denunciou que o déficit de investimento na conservación e mellora das estradas de Lugo é crítico e forma parte dunha carencia estrutural en Galicia que, segundo afirmou, nin o PSOE nin o Partido Popular lograron corrixir. Ademais, puxo de relevo o mal estado doutras vías estratéxicas da provincia como a N-VI, N-120 ou N-640, así como as décadas de promesas incumpridas respecto á A-74 e á VAC Costa Norte. Tamén criticou o derrubamento do túnel do Castro apenas vinte anos despois de construírse a A-6 e a demora no desdobramento da AG-22.

A iniciativa do BNG pretende poñer de relevo a urxencia dunha planificación real e eficaz para a conservación da rede viaria provincial e garantizar a seguridade viaria de cidadáns e cidadás que utilizan estas estradas diariamente.

0.088064193725586