Avanzan as obras do Carril das Flores coa demolición do túnel e a colocación da nova estrutura

LugoXa
A actuación transformará o espazo nunha plataforma única con prioridade peonil e reforzará a conexión co Camiño Primitivo e a Muralla
avance-traballos-Carril-das-Flores-Lugo
3 Mar 2026

As obras de renovación integral do Carril das Flores continúan progresando e veñen de entrar nunha nova fase coa demolición do túnel existente e o inicio da instalación da estrutura que sustentará a nova plataforma. Trátase dun paso decisivo dentro dun proxecto que pretende transformar por completo esta zona da cidade.

Nos primeiros traballos desta etapa executouse o derrubamento do túnel, unha intervención considerada fundamental para reconfigurar o espazo. Esta actuación permitirá habilitar unha nova pasarela metálica lixeira, que mellorará a visibilidade do muro orixinal e ampliará o ancho do paso inferior, gañando así en funcionalidade e integración paisaxística.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que con este avance se dá un paso importante nun proxecto chamado a eliminar un dos puntos con maior deterioro urbano da cidade. Segundo sinalou, a intervención contribuirá a crear unha contorna máis amable, accesible e mellor integrada co Camiño Primitivo e coa Muralla, ao tempo que a colocación da nova estrutura supón un fito relevante no desenvolvemento das obras.

A actuación contempla a conversión do Carril das Flores nunha plataforma única con prioridade para as persoas peóns, a creación de novos espazos verdes e áreas de convivencia, así como a renovación completa das infraestruturas de servizos urbanos, do alumeado público e do sistema de drenaxe.

Con este proxecto, a Tenencia de Alcaldía continúa avanzando na configuración dun grande eixo peonil de leste a oeste, reforzando a conexión entre barrios e apostando por un modelo urbano máis sostible e centrado nas persoas.

0.1326630115509