Avanzan na reconstrución integral da estrutura da rúa Frai Plácido Rei Lemos

LugoXa
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou "o bo ritmo" desta intervención, e anunciou que a construción do novo muro "está a piques de rematar xa"
obras-Frai-Plácido-Rei-Lemos-Lugo
13 Nov 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Frai Plácido Rei Lemos, onde o Goberno de Lugo está a executar unha reconstrución integral da estrutura.

Arroxo destacou "o bo ritmo" desta intervención, e anunciou que a construción do novo muro "está a piques de rematar xa", coa construcción dos distintos bancais practicamente rematada, o que reduce as cotas existentes entre a rúa Frai Plácido Rei Lemos e o Parque de Rosalía.

"Crearemos un percorrido accesible para toda a veciñanza, creando unha rampla accesible pola fronte do muro, na zona que parte do final do Paseo Vila de Foz, que remate na rúa Cidade de Viveiro, conectando o barrio de Recatelo co Parque de Rosalía sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas as persoas", declarou.

A reconstrucción busca mellorar a integración paisaxística do muro, ao mesmo tempo que busca eliminar a barreira arquitectónica que supón a diferencia de cotas, aplicando criterios como a o respecto polo entorno e a calidade estética da solución.

A diferenza de alturas resolverase cunha solución máis orgánica e integrada que a actual, fuxindo da reconstrucción dun muro de gran altura que non dialoga coa contorna. "Realizarase un escalonamento do muro en distintos bancais, o que permitirá mellorar o impacto visual da estrutura", explicou Rubén Arroxo.

No primeiro dos bancais, o máis próximo á rúa Frai Plácido Rei Lemos, proponse unha zona completamente axardinada, "creando unha nova zona verde na cidade para o desfrute de toda a veciñanza, e avanzando no obxectivo de crear un gran pulmón verde nas rúas de Lugo, reducindo a temperatura do pavimento especialmente nos días de máis calor", afirmou Rubén Arroxo.

O segundo dos bancais contará cunha praza arbolada, pensada como un pequeno espazo de descanso para a veciñanza. Este bancal permitirá dar unha imaxe máis orgánica ao conxunto ao mesmo tempo que consigue unha mellor integración do muro coa contorna e reduce o impacto paisaxístico.

0.17156505584717