Áxel Fernández conquista o torneo de tiro con arco da Laracha coa mellor marca da competición

O arqueiro lucense Áxel Fernández Arias proclamouse campión na categoría Recurvo Alevín Masculino durante a celebración do II Torneo de Escolas Deportivas de Tiro con Arco da Laracha, disputado o pasado sábado no pavillón do IES Agra de Leborís. Ademais do primeiro posto, o deportista conseguiu tamén a puntuación máis alta de toda a competición.
O torneo estivo organizado polo Club Arco Laracha e reuniu participantes de diferentes escolas deportivas galegas nunha intensa xornada dedicada ao tiro con arco.
A Escola Lucense de Tiro con Arco participou no campionato con dous representantes. Áxel Fernández Arias acadou a primeira posición na categoría Recurvo Alevín Masculino cun total de 329 puntos dos 360 posibles, unha marca que lle permitiu liderar a clasificación xeral do torneo.
Pola súa banda, José Luis López Jiménez competiu na categoría Recurvo Masculino, finalizando no décimo terceiro posto cunha puntuación total de 228 puntos.
Os participantes da categoría Recurvo Alevín realizaron os seus lanzamentos a unha distancia de 18 metros sobre dianas de 122 centímetros, mentres que os arqueiros da categoría Recurvo competiron tamén a 18 metros, pero utilizando dianas reducidas triples verticais de 20 centímetros.
A actuación dos representantes lucenses deixou un balance moi positivo para a Escola Lucense de Tiro con Arco, que continúa sumando bos resultados nas diferentes competicións autonómicas.