Baleira celebrará do 30 de abril ao 2 de maio a oitava edición do Concurso de Tapas

O Concello de Baleira acollerá os días 30 de abril, 1 e 2 de maio a VIII edición do Concurso de Tapas Baleira 2026, unha proposta gastronómica xa consolidada que busca dinamizar a hostalaría local e atraer visitantes durante a ponte festiva.
O evento desenvolverase en horario de 20.00 a 00.00 horas, permitindo ao público percorrer os locais participantes e degustar as creacións preparadas para a ocasión.
Nesta nova edición tomarán parte catro establecementos do municipio: A Marronda, Moneda, Neireo e Recundo D' Vane, que competirán coas súas propostas culinarias nun certame convertido nun referente da programación local.
O concurso volve apostar pola promoción da gastronomía de proximidade e polo impulso da actividade económica e social en Baleira, ofrecendo durante tres xornadas unha alternativa de lecer vencellada á restauración.