Baleira estrea unha feira de troco e artesanía para apoiar os proxectos das mulleres rurais

LugoXa
A cita celebrarase os domingos, de 11:00 a 14:00 horas, nun espazo cuberto en Fonteo e permitirá mercar e intercambiar produtos artesanais, teas, libros ou mel
Costureiras-do-EO-Fonteo-Baleira
22 Oct 2026

A localidade de Fonteo, en Baleira, contará a partir do 25 de outubro cunha nova feira de troco e artesanía promovida pola Asociación Mulleres Rurais Costureiras Terras do EO. O mercado abrirá todos os domingos, de 11:00 a 14:00 horas, nun recinto cuberto, polo que a actividade se manterá mesmo nos días de choiva.

A iniciativa ofrecerá un espazo no que as persoas asistentes poderán mercar ou intercambiar unha ampla variedade de artigos, entre eles materiais de mercería, teas, pequenos agasallos, flores para Todos os Santos, pezas artesanais, libros e mel.

Ademais de fomentar a reutilización e dar visibilidade aos produtos artesanais, a feira terá unha finalidade solidaria. Os cartos recadados coa venda dos artigos destinaranse á propia asociación e ao apoio de proxectos centrados nas mulleres do rural e na loita contra a soidade non desexada.

A organización anima a veciñanza e ás persoas interesadas na artesanía e no intercambio de produtos a achegarse a Fonteo e participar nesta proposta semanal.

0.14989304542542