Baralla acolle a obra teatral ‘Abra da Cabra’ este sábado no centro sociocultural

LugoXa
A compañía Lila Teatro presenta unha proposta chea de humor sobre a convivencia entre animais e humanos
Abra-da-Cabra-Lila-Teatro
19 Mar 2026

O centro sociocultural de Baralla será escenario este sábado 21 de marzo ás 20:00 horas da representación da obra Abra da Cabra, unha montaxe da compañía Lila Teatro que propón ao público unha viaxe delirante cargada de humor e reflexión.

A peza narra as peripecias dunha cabra montesa que decide convivir coa especie humana, iniciando unha experiencia tan sorprendente como complexa. Este personaxe, definido polo seu carácter independente, inconformista e impaciente, enfróntase a un mundo que lle resulta difícil de comprender.

Ao longo da obra, a protagonista tenta adaptarse ao proceso civilizador da súa nova contorna, formada por veciños de dúas patas, cuxos comportamentos lle resultan tan estraños como incomprensibles.

A súa ousadía converterase así nunha auténtica odisea, na que deberá facer fronte a situacións inesperadas para tratar de asimilar unhas condutas que chocan coa súa propia natureza animal.

0.12111783027649