Baralla acollerá a cuarta edición do Raid Via Künig o vindeiro 23 de marzo

LugoXa
O evento contará cunha novidade importante, xa que se engadirá o primeiro Raid Internacional de 100 km, no que competirán cabalos de Baralla nunha competición de alto nivel
raid pol 2
17 Feb 2025

O próximo 23 de marzo, o Concello de Baralla, en colaboración co Club Siglo Endurance Team, celebrará a cuarta edición do Raid Via Künig.

Nesta ocasión, o evento contará cunha novidade importante, xa que se engadirá o primeiro Raid Internacional de 100 km, no que competirán cabalos de Baralla nunha competición de alto nivel e no que estarán presentes xulgados, veterinarios e oficiais internacionais.

O IV Raid Via Künig será, ademais, unha proba de selección para cabalos novos de Raid do Ciclo AECCA (Asociación Española de Criadores de Cabalos Árabes), o que engade un compoñente de gran interese para os criadores e afeccionados desta disciplina ecuestre.

O Raid Hípico ou Endurance ecuestre é unha modalidade deportiva que consiste en carreiras longas a través do campo, contrarreloxio, nas que se pon a proba a resistencia física e psíquica, así como a habilidade do cabalo e do xinete. A competición segue unha ruta marcada na que os competidores deben adaptarse ao terreo, podendo alternar paso, trote ou galope.

Un dos aspectos máis esixentes desta disciplina é que o reloxo non se para ao chegar á meta, senón cando o cabalo recupera a súa frecuencia cardíaca e alcanza menos de 64 pulsacións por minuto, dependendo da categoría. Ademais, ao longo do percorrido, cada 25, 20, 30 ou 40 km (segundo a distancia da carreira), o cabalo deberá pasar por un control veterinario que garante que está en condicións físicas adecuadas para continuar a proba.

Este evento perfílase como unha xornada única para os amantes do Raid, tanto a nivel nacional como internacional, e promete ser un escaparate atractivo para os cabalos de Baralla e os seus xinetes.

0.19028306007385