Baralla acollerá un obradoiro práctico para mellorar os coidados a persoas dependentes no fogar

LugoXa
A formación gratuíta "Coidar con agarimo" celebrarase o 11 de agosto e está dirixida a familias e persoas coidadoras do rural
centro-sociocultural-Baralla
27 Jul 2026

O Concello de Baralla organiza o obradoiro "Coidar con agarimo", unha iniciativa formativa destinada a ofrecer ferramentas prácticas para a atención de persoas dependentes no fogar. A actividade desenvolverase o 11 de agosto, entre as 16:00 e as 20:00 horas, no Centro Sociocultural do municipio.

A formación está especialmente dirixida a familias e persoas coidadoras do medio rural, co obxectivo de facilitar coñecementos que contribúan a mellorar a calidade dos coidados e o benestar tanto das persoas dependentes como de quen as atende.

Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas cos coidados básicos no fogar, o acompañamento e a comunicación, a mobilidade, a hixiene e o confort das persoas dependentes, así como o coidado emocional e o benestar das persoas coidadoras.

O curso será presencial, práctico e gratuíto, e ao remate entregarase un diploma acreditativo ás persoas participantes. As inscricións poden realizarse nas oficinas do Concello de Baralla ou chamando ao teléfono 982 36 33 03. A iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

0.12248682975769