Baralla recupera a memoria da emigración cunha exposición de 40 fotografías históricas

O Centro Sociocultural de Baralla acolle desde o 16 de outubro a exposición "Nós tamén fomos emigrantes", unha proposta que percorre a historia da emigración galega e española a través de 40 fotografías procedentes do arquivo da Axencia EFE.
A mostra poderá visitarse ata o 20 de novembro, de luns a venres, entre as 17:00 e as 21:00 horas. A entrada será gratuíta.
As imaxes permiten achegarse ás experiencias de miles de persoas que tiveron que abandonar os seus lugares de orixe para buscar novas oportunidades noutros territorios. As fotografías evocan as dificultades, os sacrificios e a esperanza de tantas familias que emprenderon o camiño da emigración, unha realidade que forma parte da memoria colectiva de Galicia.
A exposición propón unha reflexión sobre as consecuencias da marcha cara ao exterior e sobre as vivencias de quen deixou atrás a súa terra, a súa familia e as súas raíces coa expectativa de construír un futuro mellor.
Con esta iniciativa, Baralla ofrece á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de coñecer unha parte fundamental da historia social galega e de lembrar as experiencias migratorias que marcaron numerosas familias.